Pasaban os anos devagar, fuxían as ilusións e a morte romántica non chegaba, perdéndose na vista a miríada de grans do reloxo de area. Na memoria, as lembranzas difuminábanse catro décadas atrás. O seu corpo permanecía intacto, dentro dunha burbulla onde o descorrer era máis lento. A súa única solución sería marchar para unha estrela esvaecida. De cando en vez bota un ollo á terra, por iso dos indicios nocturnos (a partires das 4.40) dunha migalla de morriña inconexa.

3/30/2006


O filósofo existencialista, que nos primeiros días estivera, de certo, distante, comezou a interactuar con nós. Parece ter ideas moi interesantes arredor da vida e todos os seus sucedáneos. A Moncho non lle cae moi ben. Seica é seguidor dun tal Camilo Nogueira.
- Joder, que Camilo apoiou o SI á Constitución europea (Tratado Constitucional mellor dito).
- SI crítico, amigo.
- A efectos de cómputo o SI crítico vale igual que un SI xenérico, un SI dos rancios ou un SI porque sí.
- Xa, pero é que o puto sistema non da máis oportunidades que dúas: ou SI ou NON. Puto reduccionismo. Non todo é blanco ou negro.
- Aí estou de acordo-apuntou Moncho-- ¿Entón que lema escollemos?¿Como acadaremos o consenso?Espera, que chamamos ao Vice.
TIC TAC TIC TAC

-"E posíbel unha Europa mellor!". Váleche?
- Sí pero o NON pono en pequeniño, por iso de que nos estamos centrando.
- Vale
- Vale. ¿E cando lle quitamos a estrela á bandeira?
Aí foi onde entrei eu. "Iso si que non, NUNCA".
Vale vale, eu só recollía unha proposta de Antonciño.
- Pois dille a Antón que se ocupe do seu e que deixe traballar ao aparello. - apuntou Moncho.
"Aparello, aparello...puto aparello!!"pensei. Oxalá volvera o pianista.

3/29/2006


Onte tivemos esmorga EE e máis eu. Pasámolo moi ben. Fomos descubrindo xuntiños a personalidade da "muller misteriosa" (muletilla xenérica e estúpida, pero que reflicte ben a realidade). E coa retrousa pegadiza- metamorfoseada- de Andrés do Barro fómonos durmindo.

"Que muller mais misteriosa
a que eu alcontreí!
¡Que doces foron as verbas
que eu lle escolteí!
Lla ficaba na praia
deitada na area;
cos meus ollos abertos
eu ollei pra ela.
Eu lle dixen: ¡Ven!
E me dixo: ¿Qué?"

Desperteime en medio da noite coa vexiga a piques de estoupar (merda de "cervexa").Non quixen mirar a hora (estou farto das casualidades). Descarguei e despertei a EE.
- ¿Sabes que as túas iniciais coinciden coas dúas primeiras do EEES?
- Joder, eu.
- Xa, merda de converxencia europea. Puta europa neoliberal- ¡E que viva a Europa dos pobos, solidaria, social e democrática!
- Durme carallo. E descansa a cabeciña, meu.

Hoxe un amigo tivo unha bofetada da vida.O máis importante é que todo quedou nun susto. Esta entrada vai adicada a el.

Aquí queda esta sentida aperta.

3/27/2006


Atopei no caixón uns fragmentos de poemas que tiña gardados cando aínda vivía na terra.

I)
Bombeando o corazón,
con revolucións indefinidas,
sangue, zume e mel.
As mans entrelazadas.
Acariñando, os meus beizos
o teu cabelo.
Morremos naquel intre, os dous,
entre as pernas
e o cheiro
dun novo
amencer.
II)
Pero xa non lembras.
Non lembras.
Agora só observas por riba,
facendo fortes intentos,
por fusilarme,
por facerme crer,
que todo foi ilusión
dunha masa gris
con milimetría inducida
por desexos
incumplidos.
E xa non miras.
Non miras.
III)
Mais, querida amiga, por
moito que intentes asasinar
os xogos comúns,
as miradas,
ten presente que as lembranzas
que artellamos de forma
inconscientemente consciente
-dende o RAG ata o Da Vinci-
ninguén poderá
esnaquizarmas.


E que bo é apertar os dentes mentres lle vas botando sal á ferida.
E que bo é apertar os dentes mentres lle vas botando sal á ferida.
E que bó é apertar os dentes mentres lle vas botando sal á ferida.


Moncho mais eu estamos certamente contentos. Por fin caeu o símbolo da prepotencia. "Se rompe España".
"Cando me falan de España sempre teño unha desputa...-e como cantou no seu día Suso- que se España é a miña nai, eu son un fillo de ..."

3/25/2006


- Teño medo.
- ¿Medo de que?
- Medo de que entre pola porta Manuel. E nos vexa aquí espidos, na cama, coa fiestra aberta e esvarando as gotas de auga polos teus peitos. Medo de que me vexa bicando cada unha das dedas dos teus pés e medo de que eu sexa o único que che faga tremer con aturuxos sublimes. Medo Rosalía, medo de que esto que está a acontecer non sexa real, medo de espertar de forma inqueda deste soño e ficar debaixo dun teito que pingará sangue. Medo de que o lume e o ferro candente que estás sentindo tan dentro non sexa máis que un roce con sabas na vixilia vespertina. Medo de morrer agora, cando xa está tan preto o fin do poema e así acadar o cúlmen literario. Bérrame Rosalía, bérrame os teus versos coma ti só sabes facelo…

EE despertárame dun portazo. Aínda era noite. Mirei o reloxo e marcaba, que curioso, as 4.40. Na miña man apareceu unha chapa que unha boa amiga me dera o outro día na facultade. Seica tiveran un recital polas laberínticas rúas de Compostela.

Definicións, CAPÍTULO I: AMOR
Disque houbo un inquérito dirixido dende Vicepresidencia para avaliar a incursión do termo amor no texto artellado do novo Estatuto.

- Eu: Unha seria de reaccións químicas no cerebro que provoca o desquiciamento, a irracionalidade e o desexo de posesión física e/ou intelectual e/ou ideal dun membro, ou varios do xénero humano ou animal.
-EE: Algo marabilloso e precioso que non se pode controlar. Consúmase no acto sexual.
-Mocho Reboiras: Algo totalmente superficial inducido polo sistema capitalista para esquecerse da loita de clases e para durmir ao proletariado.
- Muller: Sentimento de grande afección, amizade, tenrura, simpatía, etc., [que se experimenta por alguén].
- Existencialista: Dende o punto de vista teórico o amor é un dos piares do ser humano e da súa existencia. Precísase para que a copulación e a reproducción sexan do máis placenteiras posibles.

3/23/2006


Tiven a miña primeira discusión con EE. Coido que está alienado, que non entende o que lle explico. Disque quere divertirse un pouco e disfrutar un pouco máis da vida, que pasa de amargarse en asambleas con xente milimetricamente cuadriculada, que pasa de escribir freneticamente poemas para meter no caixón e que...
Fiquei calado, poñendo a balanza. Creo que o proceso de diverxencia entre Eu e EE é imparable.
Mirámonos de forma allea e eu marchei a falar un anaco con Moncho Reboiras. Seica estaba cantando a Internacional. A III Internacional.
- ¡Non me fodas, Moncho! -díxenlle-.
-¡ Que ese non era socialismo, nin era nada! (bum bum, quen?o socialismo real, posible e pragmático chamando á porta!). Paso a paso. Espero que a certa xente lle entre na cabeza.

3/22/2006

A VIOLENCIA NON TEN SENTIDO. NEGOCIACIÓN E AUTODETERMINACIÓN.

Moncho dubida. Eu estou contento. Esperemos que o executivo non a foda.

Adiante e ánimo.
"Orain herria Orain Bakea"

Agora o pobo, agora a paz

Sempre está ben que os recordos- difusos imperativos- burbullen cando se está coa xente indicada. Aínda que a liña de actuación para un obxectivo común non sexa o mesmo. Moncho di que o electoralismo está acabando con nós, mais eu só creo que debemos entrar un chisquiño nas súas armas para intentar rachar con eses corsés- intelectuais, sempre intelectuais- que nos apreixan.

EE disque ten certo apetito sexual. E o di tan abertamente.Eu lle digo que está alienado. . A muller está a súa bola e o existencialista non deixa de escribir constantemente "Eduard von Hartmann". Mañá asamblea popular cos que intentan rachar o país imperfecto.

3/21/2006



Esta estrela ten corredoiras moi estrañas, onde ás veces escoito voces distantes chamando por min. O único que fago e agarrarme moi forte a EE. Aínda estamos algo asustados por todo isto do cambio. Esperarei a que o furacán pase e logo coñecerei aos compañeiros de singladura. Seica lles gusta o mestre e o errante.

Pesa moito a maleta.

 
adopt your own virtual pet!