Pasaban os anos devagar, fuxían as ilusións e a morte romántica non chegaba, perdéndose na vista a miríada de grans do reloxo de area. Na memoria, as lembranzas difuminábanse catro décadas atrás. O seu corpo permanecía intacto, dentro dunha burbulla onde o descorrer era máis lento. A súa única solución sería marchar para unha estrela esvaecida. De cando en vez bota un ollo á terra, por iso dos indicios nocturnos (a partires das 4.40) dunha migalla de morriña inconexa.

7/30/2007


Galiza Nova acusa a Mari Faraldo de dar orde de arrincar os seus carteis

Nos pasados días Galiza Nova de Betanzos iniciou a cuarta edición da campaña para a eliminación da raíña das festas por considerar que esta representa uns valores caducos e totalmente sexistas non adecuados para unha sociedade onde a igualdade entre os xéneros sexa un dos valores prioritarios. As mocidades nacionalistas anunciaban que “neste momento, onde por primeira vez Betanzos é rexida por unha muller, semella ser o ideal para que desde a alcaldía se amose unha verdadeira vontade por rematar coas desigualdades de xénero, facendo visíbeis as posibilidades de actuación real das mulleres na vida pública” tal vez sería posible dar este necesario paso, mais lonxe diso, e a maiores da belixerancia con que o PP respondeu na prensa, “temos testemuñas de que María Faraldo deu orde a empregados municipais de arrincar carteis de Galiza Nova e temos indicios de que foi así” incidan desde a Dirección Local das mocidades do BNG.

Varias testemuñas afirman ter visto a empregados municipais arrincando os carteis pegados polas mozas e mozos nacionalistas por orde da alcaldesa no canto de desenvolveren as terefas propias do seu traballo. Para Galiza Nova a alcaldesa pretende coutar o exercicio da liberdade de expresión, dereito fundamental que recoñece a Constitución, a Declaración Universal de Dereitos e outros moitos textos xurídicos aplicábeis no Estado. O Partido Popular non só vulnera así un dereito fundamental senón que amosa a súa praxe totalitaria ao obstaculizar a liberdade de expresión e a súa non predisposición ao diálogo, para alén de utilizar aos empregados do Concello ao servizo da alcaldesa e do seu partido no canto de estaren ao servizo de toda a cidadanía.

Con todo, a Dirección Local de Galiza Nova lembra que non é a primeira vez que ten problemas con María Faraldo pola cartelaría, recordando que cando pasaran o filme “Hai que Botalos!” no Liceo María Faraldo arrincara ostentosamente os carteis diante dun nutrido grupo de persoas e tildara á organización xuvenil nacionalista de “indecentes”.


7/27/2007

"Aquí está, vivo, en pé, o noso Irmán Daniel!"

Resaca patriótico-esquerdista logo do descomunal traballo polo Día da Patria Galega. Un Festigal e unha Quintana con moitísima xente como inequívocos puntos de referencia. Un piso cheo de merda grazas aos compañeiros que, logo de sendas borracheiras, non tiveron as forzas suficientes como para pasar a fregona.
Encontros casuais -ou non tanto- e etílicos para lembrar pasados tortuosos; turnos na acampada para constatar que o Estado de Benestar fracosou comigo no que se refire á lingua estranxeira; postos do socialismo democrático para afortalar o proxecto colectivo; ofrendas en Bonaval coa Secretaria, o Conselleiro e as consignas panfletarias (véxase título) que tantos nos gustan, a pesares de non ser eu ningún mitificador.

E coñecer xente nova, ver outra que facía tempo que non vía ou simplemente pasar un bo rato entre amigos e traballo.

Uns días para lembrar, coiro. Uns días para lembrar.

E para a xente á que vos incitei a mercar o libro do Concelleiro, déixovos un fragmento (o comezo) para ver se vos remato de convencer.

"Son ben consciente de que a miña historia merece un comezo tan extraordinario coma os extraordinarios feitos que me impulsan a escribila. Un comezo, xaora que si: todas as historias dignas de ser contadas teñen un comezo, un arranque, un punto de partida que se pode situar na infancia, como dicía o outro, ou incluso moito, moito máis alá, quen sabe se nesa plácida e bretemosa lagoa de augas mortas á que nos conducen -contracorrente, escuridade, voces perdidas- os indómitos e entrambilicados afluentes do noso sangue. A miña historia, esta historia, é o relato dunha desfeita, dunha ruptura, dun fracaso, e en certa maneira tamén, paradoxalmente, un relato sobre o éxito. Claro que hai tantas historias sobre éxitos e fracasos -atrévome a dicir que tantas coma seres vivos- que cómpre berrar moi alto para que un novo relato non se converta, dende o primeiro, nunha historia máis no mar de historias, nun borboriño, nunha brisiña tan breve e tan fugaz coma a que pode inducir o derradeiro voo dunha bolboreta."
Trinta e dous dentes.
Editorial Galaxia.
XLL





7/24/2007


Vémonos todos alí, no ceo de bandeiras e de estrelas. Ao fin e ao cabo, todos estamos na mesma casa. E se queredes escoitar a tan socorrida canción, pinchade aquí e premede no reprodutor do último post.

Viva Galiza Ceibe e Socialista!
Viva a República Galega!


OS TEMPOS SON CHEGADOS(NA LÚA)
Que non pare o bailador
que non pare, vai arredor!

Cheguei o vintecinco a Compostela
nun ceo de bandeiras e de estrelas
estabas onde ia a Galiza Nova
de tódolos secretos tomei a proba

un saúdo
de vellos compañeiros, de namorados
que brindan porque
os tempos xa son chegados

Que non pare o bailador
que non pare, vai arredor!

busquei teus ollos perto dos insubmisos
amei a libertade do teu sorriso
e crece o movemento que nos defende,
nin amos nin escravos do amor que prende.

un saúdo
de vellos compañeiros de namorados
que brindan porque
os tempos xa son chegados

os tempos son chegados das vaguedades,
amamos a loucura e a inmesidade
Pasamos toda a noite eu e mais ela
na lúa de Santiago de Compostela
Os vellos compañeiros, os namorados
brindaban porque
os tempos xa son chegados

que non pare!

7/18/2007

Sen querer pasar páxina

Logo de recibir a última nota, pódese dicir, sen medo a errar, que pecho un ciclo. A pesares de que o meu idilio co edificio vai continuar pola miña vontade inequivocamente investigadora, non vai ser o mesmo. Triste e fatídica frase, sentenciosa diría eu. "Non vai ser o mesmo". Non ides estar vós. Si, vós. Eses mesmos que debuxábades cafés espúreos, naipes silandeiros ou recortes provocativos en medio dunha clase do invisíbel. Os mesmos que críades que o que estabamos a vivir ía ser para sempre. E non pode ser. Porque son licenciado, xa. E o abismo abriuse de súpeto diante miña, tentando agarrar forte as lembrazas que caen como graos de area entre os famélico dedos.

A facultade seguirá tendo vida, cos revolucionarios troskistas (inzados de coraxe bolxevique descafeinada) pasando a un segundo nivel. Mais por máis que busque, en Reprografía non estará ela, nin el na cafetería. Nin eles na entrada, nin elas na porta das Aulas. Un parte de min quedará orfa, e ao mellor só terei o consolo de escoitar, na bocanoite, algunha das vosas voces saíndo da radio e diluínse na parte máis profunda do meu maxín ate conciliar o sono.

Non pretendo ser catastrofista, porque a miña vida de estudante aínda non rematou. Pero teño a sensación de que agora si que remata un ciclo. E, non quero. Teño o desacougo de pensar de que o maña o teña que vivir no onte para non esmorecer no presente. Teño a terrible certeza de que a cada paso que de, vouvos ver un pouquiño máis lonxe.

E como é lóxico, teño medo, un medo irrefrenable e fedorento, de que, sen querelo, un día esvaezades no horizonte. E cando así sexa, por máis que intente buscar no chan, non vos atoparei.

Non quero pasar páxina. Quero voltar a aquel día no auditorio ateigado. Quero voltar a ese xoves 2 de outubro de 2003. E quero volvervos coñecer.

7/09/2007


Xogando as luces do amencer a facer figuras solsticias na parede, o despertador seguía a marcar a fatídica hora do mediodía, sendo consciente Amarante de que, para ben o para mal, hoxe comezaba un novo e duro día. Non tiña intención de apertar os dentes, doutra volta, para botarlle de novo as doses exactas de sal á ferida e autoflaxelarse. Xa tivo suficiente coa humillación que tivera ao lado do Mercado de Abastos. Prendera o sono enriba do seu brazo esquerdo, polo que, durmido e aínda sen comezar a circular o sangue e notar aquel fatigoso formigueo, tivo que darse golpes contra a parede para recuperar a súa condición de persoa coas extremidades superiores en plenitude de condicións prensís. Logo de tal exercicio absurdo (e absurdo entendido dende a postura de observador exterior, xa que se existise un grande irmán rozaría a incomprensibilidade ver unha persoa ao erguerse golpear o seu brazo dereito contra unha parede) e, seguindo os parámetros do convencionalismo fisiolóxico- o que a xente do común chama ir ao baño-, topouse de fronte coa pura realidade do estudante universitario medio logo dunha xornada intensiva ( e autoexpansiva) de xoves compostelán. Merda saíndo de cada un dos poros do piso, cascos de cervexas, patacas fritidas polo chan e un fedorento cheirume que viña dun extraño bulto envolto nunha vella manta no sofá. Era Laura. Era a fodida Laura. Por un momento crin verme no espello envolto en sangue lembrando o desagradable e fotográfico capítulo da nosa vella historia.


Por un momento crin lembrar. Pero menos mal que todo foi triste sono. Ou o que algúns chaman pesadelo. Que mais ten. A cuestión primordial é que non foi real.

7/03/2007



As Irmandades da Fala
contra o feroz centralismo
¡déronlle ó povo galego
un craro nacionalismo!

E despóis das Irmandades
esforzados galeguistas:
¡ganaron grandes batallas
fixeron grandes conquistas!

Bóveda e mais Castelao
foron os nosos guieiros
que levaron a Galicia
por galegos derroteiros.

Pero no ano trinta e seis
militares e fascistas,
¡asoballaron Galicia
con xeitos imperialistas!

¡Anularon o Estatuto
o povo foi masacrado,
Castelao morreu no exilio
Bóveda foi fusilado...!

Mais aquel probe Estatuto
non foi ningunha victoria:
¡só o comezo do principio
para endereitar a nosa Historia!



(Popular, arranxos de Suso Vaamonde)

 
adopt your own virtual pet!