-Non te podes concentrar. Levantas en todo momento a cabeza dos apuntes, ¿buscando que?¿ou a quen? ¿a quen buscas? Saes da biblioteca a facer nada. Só a ver se ves a esa persoa para topala de súpeto e cruzar unha mirada case que nanométrica. ¿E á hora de comer na cafetería? Están falando contigo. ¡Failles caso! ¿Por que non lle fas caso en lugar de procurar a alguén que nin tan sequera sabes se existe?¿ E por que quedas mirando pola fiestra?¿A ver se a ves? Pero home, que vives nun oitavo andar... E cando a tes preto, ou cres tela preto, das as costas e só sacas o espelliño para que a visión directa non te cegue. Perfecto, tivéchedes aquel fugaz encontro. ¿Sabes algo máis? Pois moi ben. Douche ánimos para seguir construíndo a túa tétrico-deprimente historia. Espero que non leves un golpe. Outro máis, vaia. Agora tócache falar da autonomía fiscal. E concéntrate. Paulo! Deixa de darlle voltas, estás aquí para o que estás. Só iso.
Es un autómata e nós controlamos todo o que fas, todo o que pensas e todo o que dis. Non che queda máis saída que sorrir para a prensa. Sorrí estouche dicindo! Sorrí!
O ansiolítico non serve de nada. Agora non reflexiones, só actúa. Se o fas ben terás a túa recompensa. En caso contrario, hai un espazo para os que cren que hai outro xeito de facer as cousas.
Ti decides. Ou mellor. Nós decidimos por ti.