Pasaban os anos devagar, fuxían as ilusións e a morte romántica non chegaba, perdéndose na vista a miríada de grans do reloxo de area. Na memoria, as lembranzas difuminábanse catro décadas atrás. O seu corpo permanecía intacto, dentro dunha burbulla onde o descorrer era máis lento. A súa única solución sería marchar para unha estrela esvaecida. De cando en vez bota un ollo á terra, por iso dos indicios nocturnos (a partires das 4.40) dunha migalla de morriña inconexa.

3/27/2007



ISAAC


Isaac Díaz Pardo foi, nos seus anos mozos, un revolucionario convencido. Militou nas Xuventudes Socialistas Unificadas e diso quedoulle, a pesar do irremediable paso do tempo, un profundo pouso de loita. É unha das bisagras que conectou en perfecta harmonía o sentimento galeguista cultural co republicanismo político daquel tempo. Constitúe unha desas personaxes que non deixa indiferente a ninguén, ben sexa pola seu afable e entenrecedor rostro, polos seus descursos enchoupados da lucidez mental dun xenio, ou polos esforzos de denuncia a aqueles sectores cómplices da barbarie que non queren recuperar a memoria e que están moi preocupados en poñer nun mesmo saco a vítimas e verdugos. Díaz Pardo é un deses tolos aos que a intransixencia fascista matou ao seu pai e que agora só pide recoñecemento e xustiza. E non esquecer. Por iso de que a amnesia pode levar a repetir os tristes erros do pasado.
Deu toda a súa vida pola cultura e lingua galega, que é o mesmo que dar a vida pola construción nacional e polo reforzamento dunha identidade sempre tan feble polos ataques sistemáticos dos axentes externos e por iso tan galego como é a autonegación.
As crónicas incorformistas, merecedoras do VII Premio de Xornalismo Literario e de Opinión Roberto Blanco Torres, entroncan á perfección coa personalidade de Díaz Pardo: un xornalismo e unha vida con clara vocación intencional, con certero ímpetu de avance. As súas empresas non responden á máxima da plusvalía: foron un exemplo de traballo en prol do país, estudando, producindo e divulgando a cultura do noso pobo.
Mais, como decote acontece, xorde ese capitalismo feroz que só entende o idioma do beneficio. O que lle están a facer, e perdónenme a expresión, é unha auténtica cabronada. Pero teño a completa certeza de que a Historia colocará a cada quen no seu sitio. No que respecta a Isaac, vaino facer nun deses lugares aos que só teñen acceso os privilexiados. Ao resto aínda non o teño tan claro.

3/24/2007

Teño a impresión de que todo o que me dicías era mentira. Porque se de verdade o sentías non se pode esquecer nun mísero día. Agora entendo porque pechabas os ollos ao artellalo: non tiñas a suficiente sinceridade. A culpa é miña por crerte.

3/23/2007


Recuperando a (des) memoria

"Cando será a terra para os seus fillos", di algo así unha canción de Lamatumbá. Son os desherdados da terra.

A aula hoxe do señor presidente lembroume a aquelas que tiñamos en segundo curso co mestre. Para que despois digan que neste Faculdade non aprendemos nada. Eu cando menos aprendín a apreciar se cadra aínda máis ás persoas e á colectividade. A Universidade non está ben, eu diría que está en perigo de morte pola privatización e o elitismo que nos queren impoñer os que teñen unha idea errada do que debe ser Europa. Pero aínda así, mantemos o eixo vertebrador da súa razón de ser: a socialización do coñecemento e a complementación entre parias.

Pois ben compañeiros, temos que ter presente que o que debemos facer e seguir a construír esa Universidade Socialista da que falaba el no ano 1985. E non debemos caer en concepcións dogmáticas desa palabra tan ambigüa: socialismo. Temos que rexuvenecer o descurso e adaptalo aos novos tempos con novas técnicas. O socialismo está en cada un de nós. Debemos comezar pola superación do individualismo que nos impón o sistema e trocalo pola cultura de cooperación. Logo todo virá dado.

E non esquecer. Porque navegando na historia e téndoa presente non caeremos non mesmos erros do pasado. Non nos esquezamos dos herdedados da terra. Recuperemos a (des) memoria.

3/11/2007

Ansia. Ansiar. Ansiedade. Ansiolítico. Ansioso. Antagónico.
Antano.
Antisistémico, antisistema. Antagonismo.
Antano.
Antónimo. Antagonista.
Antano.

Ás veces o mellor e poñerse unha camisola apretada e desfrutar do sol de Marzo. Aínda que só sexa un espellismo, por un momento crin que o mundo era harmónico. Pero todo foi unha falsa esperanza.



 
adopt your own virtual pet!