Pasaban os anos devagar, fuxían as ilusións e a morte romántica non chegaba, perdéndose na vista a miríada de grans do reloxo de area. Na memoria, as lembranzas difuminábanse catro décadas atrás. O seu corpo permanecía intacto, dentro dunha burbulla onde o descorrer era máis lento. A súa única solución sería marchar para unha estrela esvaecida. De cando en vez bota un ollo á terra, por iso dos indicios nocturnos (a partires das 4.40) dunha migalla de morriña inconexa.

4/27/2006


Ando moi atarefado ultimamente. EE non existe, está nun estado cuasi-invernal, de seguro que preparándose para desconectar uns días en terra irmán. E é que imos baixar da estrela e ir todos a Euskadi.

Tardaremos uns días en voltar á casa, por iso pedimos desculpas. Pero volveremos con gañas renovadas para seguir coa poesía, a política e todo o que se poña por diante. Queda prometido.

PD: Propoño unha visita guiada polas mocedades de EA.

4/26/2006



Estar máis de catro horas con xente milimetricamente cuadriculada quita as gañas de escribir.
Permítanme facer neste post só unha comparación: xente milimetricamente cuadricula e Ibarra. Tanto monta e monta tanto.

EE dedícalles este post.

4/22/2006



-Vanse cumplir 160 anos do pasamento dos mártires de carral- apuntou Moncho.
- En efecto, compañeiro. Ese abril de lume e ferro...
A muller, que levaba tempo sen falar, escribía algo, tal que así.

Á atención da plataforma:

Escribo co convencemento de que mediante os procesos que o código extraordinario estipula, a comunicación chegará tal e como acordamos. Pedín unha pluma e un anaco de papel para realizar a miña última vontade só para vos dicir que as tropas leais acabaron con nós e as últimas Xuntas foron suprimidas. O resto dos xenerais cos soldados sublevados dirixíronse ao Mosteiro de San Martiño Pinario para se agochar. Aquí o día amenceu cun sol que pingaba sangue devagariño, mais no transcorrer o ceo cubriuse dun espeso manto negro. O ambiente, en momentos, tórnase cargado e sedante, como a das tardes de agosto baixo un intenso sol de verán. Pero estamos en abril, nun abril de lume e ferro. O vento aloumiña os nosos tatexos rostros. Pero nin eu nin os sesenta oficiais que están conmigo tatexamos de medo, nunca o fariamos. No nosos torturados oídos está agora a resoar incesantemente o orballo de primavera. Dille a Antolín que fuxa o antes que poida e que garde para sí o acontecido na Asamblea de Lugo, será a vosa esperanza de futuro. Fai porque lea estas verbas e o reverso, el o entenderá. Coméntalle aos compañeiros que abandonen a súa idea de saber todo e canto aconteceu nas murallas. Acábaseme o tempo. Un xélido e sórdido artificio estame a apuntar.

Solís, 26 de abril 1846. Carral.

Os alí reunidos ficaron en silencio. Dérronlle a volta á carta. Cunha caligrafía excelente púidose observar:

Galiza, convertida nunha auténtica colonia da Corte, vai erguerse da súa humillación e abatemento”.

Segundo algunhas testemuñas, o horrendo destino que se fora impoñendo na mente dos oficiais converteuse en espantosa certeza. Oíronse disparos e todo ralentizou. No chan, a choiva mesturábase con borbotóns de líquido vermello agoniante. Non obstante, unha esporádica pero certamente pracenteira sensación de benestar invadiunos. Ficaron claramente convencidos de que aquel 26 de abril non soterraron mortos. Soterraron semente.



4/20/2006








ENBLOGS´06

Non.O portugués e o galego son linguas diferentes. Irmáns e moi similares sí, iso sí. Mais non son linguas iguais...
As circunstancias políticas, o marco político-territorial, fíxoas diferenciarse pola diferente evolución do galego-portugués nos distintos territorios lindados.

O encontro foi de moito proveito. Dende aquí parabenizar á organización, sobre todo polo café da mañá.

PD: Antón, tes castelanismos. Hai que mellorar! Pero dende aquí douche os meus ánimos. ¡Ánimo!Que non o estás a facer de todo mal. Pero non lle quites a estrela á bandeira, anda. E tranquilo que non me meto contigo. E por certo, en que quedamos, Galicia ou Galiza?

4/17/2006


Sobre a democracia da información
-e por fin falou o existencialista-.

Ela estaba alí, naquel sofá-escoitando-. Moncho despotricaba porque as cadeas de televisión non aplicaban correctamente o espazo en pantalla de cada partido.
- ¡Putos xornalistas!- acertaba a dicir
-Os xornalistas non deixan de ser unha correa de transmisión máis do sistema. E aínda que fagan o esforzo por unha información plural, os valores adquiridos mediante os diferentes procesos de socialización fan que eles mesmos, nós mesmos, crendo o contrario, simplemente demos a visión “plural” determinada, a visión “plural” teledirixida e dentro dos baremos que se marcan. Non existirá a pluralidade nos medios ata que os seres humanos non sexan seres política e intelectualmente independentes, emancipados e liberados de corsés que provocan que as visións non sexan máis que superficiais e pola liña do previsible.

¿Por que non se di o que realmente sucede?¿Por que non se di que nos estamos a matar a nós mesmos?¿Por que non se di que hai fame,morte e guerras nunha cantidade tan sumamente xigante que nunca na vida poderemos chegar a concebir? Porque non interesa. Estase moi cómodo nun Estado de Benestar minimamente aceptable e contentándonos cunha información que cubra “proporcional e milimetricamente” os partidos políticos seguindo a súa representación no Parlamento. ¿Esa é a pluralidade democrática? Dende logo que non. A pluralidade só se concebirá cando teñamos plena consciencia do que sucede a nível global e poidamos xerarquizar e priorizar de forma coherente.

Mentres, os xornalistas e os medios serán, en efecto, caixas de resonancia de rexímenes autoritarios, chámese nazismo, franquismo, stalinismo/castrismo (sí, compañeiros, si, xa sabedes que penso), capitalismo salvaxe ou socialdemocracia light teledirixida, cunha responsabildiade social desnaturalizada e coxa.

A mellor forma de comezar esa loita é construíla en base ao que pode contribuír cada cultura á cultura universal e non ver un mundo contemporáneo como el aumento de los nacionalismos y de las lenguas que van unidas a ellos coma un problema . Senón coma riqueza e diversidade, deixando a un lado a parte de nós autómata e con comportamento homoxéneo.

E que moitas veces se erra en non profundizar máis aló da segunda lectura. Está ben iso de apuntar conceptos, coma o papel das ONG´s en África, perpetuando unha situación de dependencia do primeiro mundo mediante política de subvencións e esmola nada proveitoso en lugar dunha política integral de axuda en aparello productivo e de educación. Pilares fundamentais, ese aparello productivo e educación, da autoxeración e da democracia.

Pero non é so iso. Hai que construír unha democracia global solidaria e participativa (e non oligárquica e de grupos de poder) que traerá consigo unha verdadeira democracia da información. Porque é moi difícil construír unha sociedade democrática da información cando a democracia, realmente, como tal, non existe.- dixo o existencialista, que por fin falou.-

En efecto, esas mesmas palabras as escribira eu nun artigo de non fai moito tempo. Moncho quedou petrificado e avergoñado dun pensamento tan “liñal”.

Mirámonos de forma cómplice eu e mais o filósofo.

- E cando volva falar, se tal discutimos de democracia e orzamento participativo.- finiquitou o filósofo.



75 aniversario da proclamación da II República Hespañola. E non é que sexa o meu ideal político, nin moito menos -como apuntou o compañeiro Xirarei-, mais debemos recoñecer o que significou no seu momento: sufraxio universal, reformas agrícolas pactadas, dereitos sociais e liberdades públicas, é dicir, democratizar a vida política do Estado nunha difícil Europa de entre-guerras.
Ademais,claro está, dese intento de construción dun Estado federal plurinacional integral, ou como se lle queira chamar, coa tramitación dos Estatutos de Autonomía de Euskadi, Catalunya e Galiza. Mágoa que o levantamento fascista instaurara un réxime de terror, unha longa noite de pedra.
E dende aquí quero tamén honrar á memoria de todos aqueles galeguistas e republicanos que loitaron e morreron na defensa da democracia e dos seus ideias. E todos aqueles que tiveron que marchar da terra exiliados.
E agora quererán que non se remexa no tempo..·"houbo vítimas dos dous lados.." Que non me fodan! Que non me comparen vítimas e verdugos!! E un grande exercicio o da memoria histórica.

Lembrar para non esquecer. E para que non se volva repetir. E que a pesar de eu ser independentista galego, e advogar pola república galega, non está mal recoñecer as cousas que se fixeron nese periodo, quitando bienios negros. Por todo iso...
¡Que viva a República Hespañola!

4/13/2006

-Hoxe estou ben. Quizais porque me din conta de que eu, son eu. Son así e ninguén poderá cambiarme. Será o sol, de seguro, o que me fixo liberarme da anguria de prexuízos que me estaban asolagando. E comendo ,paseniño, as miñas entrañas. Sí, paseniño, e non vou dicir “pouco a pouco”. Dame a puta gana de dicir paseniño e vou dicir o que me pete, e senón se entende, síntese.

-¿E ese cambio?- díxome EE.

-Xa ves compañeiro, xa ves. Estou farto do cinismo. E aínda por riba estiven a pesquisar na merda para incidir na ferida, mais, mediante procedementos extraordinarios, serviu de analxésico. Agora só río. ¿Sabes de que río?

(fragmentos, copias literais)

…dame moita pena que nos estamos distanciando, ti e máis eu, porque collinche moito cariño, de verdade, e antes falabamos moito, pero agora xa non tanto. (…) Voume despedindo Pabliño e recordándoche que estou aquí para o que queiras e que te quero moito. Espero que che gustara esta carta e que nos sigamos levando así de ben moito moito tempo.

Un biquiño moi grande.

A túa amiguiña, por e para sempre.”

XXX

Venres, 5 marzo 2004.

-Río da xente que che prometeu amizade eterna, desa xente que dixo que sempre ía estar aí. E só o dicía coa boca pequena, porque despois…plaf!desapareceu. Coma se ter mozo fose desaparecer do mapa…Enténdesme EE?

-Sí, entendo. Pero o que non entendo é como lle das tantas voltas. Pasou moito tempo e en principio xa o tiñas que ter superado.

- Seino, pero esa persoa foi realmente especial. En tan pouco tempo compartimos tanto...E pasar de todo a nada é duro, ¿sabes? É moi duro. E sei que sempre terei unha espiniña clavada con ese tema, por máis que desfollen as follas do almanaque ou coñeza a xente nova, ela sempre estará aí.

- Ao mellor non a trataches ben no seu momento.

- Pode ser que si, pero xa lle din moitas sinais do meu arrepentimento. E intentei falar con ela para intentar analizar a situación.

- Tampouco tes que forzar as cousas. ¿E cando faláchedes?

- Falabamos do tema en sí un par de noites. Mais tiña bastante alcol en vena. Dicía cousas bonitas e incluso mandaba sms, pero logo quedaba todo en papel mollado. ¡Puto papel mollado EE, puto papel mollado!

- ¿E que queres logo? ¿Que queres agora dela?

- Quero que sexa a que un día foi, non lle pido máis. Quero que volva mirar con aqueles ollos.

- Sabes que vai ser difícil.

- Seino EE, seino. E sei tamén que os días marchan e que queda pouco tempo. Xa vamos en terceiro. As cartas EE, non podo deixar de mirar aquelas cartas. ¿Sería todo mentira? Pero écheme igual, hoxe fai sol, e todo me da igual.

Hoxe fai sol e todo me da igual. TODO.

4/11/2006


No Avante,
o son e o baile, entre aquela
moitedume de compañeiros.
Naquel curruncho
-onde ás veces morro-
debuxábase unha rapaza.
Cruzamos ferventes paixóns,
pensamentos
e loucuras.

E así, o mundo
ralentizou,
coma se os que estiveran alí,
foran autómatas ao servizo da
utopía amorosa dun frío
-pero quente- xoves de xaneiro.

Pero o tic-tac, pasou. E nun intre

coma iste

no horizonte esvaeceuse
a túa silueta
cunha brisa,



cunha airexa.

E o curruncho quedou orfo,
triste,


desamparado.


Porque non era xa espello de paixóns,
pensamentos e
loucuras.

¡Ai! Choro. "¿Por que choras?". Porque non sei se fuches real
ou produto residual de fume e licor café.

4/07/2006


Manifesto Máis aló! (recalco, aló!).

Decálogo de medidas a adoptar e unha disposición adicional.

1- Coidar máis aos amigos.
2- Atopar o alter ego.
3- Manter o nível académico quitando o número de horas que paso na Facultade.
4- Seguir erguendo o puño esquerdo cando rachan o aire os versos de Pondal.
5- Garantir a independecia do movemento estudantil.
6- Non dicir nunca "imposíbel". Simplemente sorrir e engadir: "Dádeme un pouco máis de tempo".
7- Exteriorizar máis as interconexións neuronais e reacción químicas que provocan ese moderada felicidade puntual.
8- Garantir un mínimo de racionalidade para que as unións con EE sexan máis duradeiras.
9- Non esvarar no tempo.
10- Ter a completa seguridade de que todo o que está a pasar non é un cruel soño.

DA: Chorar para canalizar esa furia incontrolada.

Ábrese o periodo de enmendas. Haberá tres tipos: de substitución, de engádega e de supresión. Precisarase dun mínimo do 30 % para que pase o corte. Ao final cantarse o himno nacional.

4/03/2006


Utopía
A utopía está no horizonte e, cando nos aproximamos dous pasos, ela afástase na mesma medida. Se camiñamos dez máis, móvese en dirección contraria en novos dez pasos.
Por máis que eu camiñe, xamais a alcanzarei.
¿Para que serve a utopía?
Serve para iso: para que eu non deixe de camiñar.

E foi cando por primeira vez neste tempo, Eu e máis EE fomos de novo un. Unha millonésima parte dun nanosegundo.

 
adopt your own virtual pet!