Pasaban os anos devagar, fuxían as ilusións e a morte romántica non chegaba, perdéndose na vista a miríada de grans do reloxo de area. Na memoria, as lembranzas difuminábanse catro décadas atrás. O seu corpo permanecía intacto, dentro dunha burbulla onde o descorrer era máis lento. A súa única solución sería marchar para unha estrela esvaecida. De cando en vez bota un ollo á terra, por iso dos indicios nocturnos (a partires das 4.40) dunha migalla de morriña inconexa.

4/22/2006



-Vanse cumplir 160 anos do pasamento dos mártires de carral- apuntou Moncho.
- En efecto, compañeiro. Ese abril de lume e ferro...
A muller, que levaba tempo sen falar, escribía algo, tal que así.

Á atención da plataforma:

Escribo co convencemento de que mediante os procesos que o código extraordinario estipula, a comunicación chegará tal e como acordamos. Pedín unha pluma e un anaco de papel para realizar a miña última vontade só para vos dicir que as tropas leais acabaron con nós e as últimas Xuntas foron suprimidas. O resto dos xenerais cos soldados sublevados dirixíronse ao Mosteiro de San Martiño Pinario para se agochar. Aquí o día amenceu cun sol que pingaba sangue devagariño, mais no transcorrer o ceo cubriuse dun espeso manto negro. O ambiente, en momentos, tórnase cargado e sedante, como a das tardes de agosto baixo un intenso sol de verán. Pero estamos en abril, nun abril de lume e ferro. O vento aloumiña os nosos tatexos rostros. Pero nin eu nin os sesenta oficiais que están conmigo tatexamos de medo, nunca o fariamos. No nosos torturados oídos está agora a resoar incesantemente o orballo de primavera. Dille a Antolín que fuxa o antes que poida e que garde para sí o acontecido na Asamblea de Lugo, será a vosa esperanza de futuro. Fai porque lea estas verbas e o reverso, el o entenderá. Coméntalle aos compañeiros que abandonen a súa idea de saber todo e canto aconteceu nas murallas. Acábaseme o tempo. Un xélido e sórdido artificio estame a apuntar.

Solís, 26 de abril 1846. Carral.

Os alí reunidos ficaron en silencio. Dérronlle a volta á carta. Cunha caligrafía excelente púidose observar:

Galiza, convertida nunha auténtica colonia da Corte, vai erguerse da súa humillación e abatemento”.

Segundo algunhas testemuñas, o horrendo destino que se fora impoñendo na mente dos oficiais converteuse en espantosa certeza. Oíronse disparos e todo ralentizou. No chan, a choiva mesturábase con borbotóns de líquido vermello agoniante. Non obstante, unha esporádica pero certamente pracenteira sensación de benestar invadiunos. Ficaron claramente convencidos de que aquel 26 de abril non soterraron mortos. Soterraron semente.



2 Comments:

Anonymous Anónimo said...

vaia vaia, agora chámanse "mártires do amencer"..senón deixan de ser militares...

7:22 da tarde

 
Blogger amarante said...

ola querido usuario anónimo..efectivamente, tes razón, non deixaban de ser militares, pero...q culpa tiñan eles?

10:33 da tarde

 

Enviar um comentário

<< Home

 
adopt your own virtual pet!