Pasaban os anos devagar, fuxían as ilusións e a morte romántica non chegaba, perdéndose na vista a miríada de grans do reloxo de area. Na memoria, as lembranzas difuminábanse catro décadas atrás. O seu corpo permanecía intacto, dentro dunha burbulla onde o descorrer era máis lento. A súa única solución sería marchar para unha estrela esvaecida. De cando en vez bota un ollo á terra, por iso dos indicios nocturnos (a partires das 4.40) dunha migalla de morriña inconexa.

7/25/2006


E de novo á rutina, logo da patria soñada á que algún día voltaremos (Compostela é infinda…)

E non querendo facer deste curruncho literato e autobiográfico un monólogo político, hoxe, por ser día da Patria Galega, teño que dicir alto e forte, orgulloso, ben orgulloso de ser da esquerda nacionalista.
Beizos mollados, puño en alto, e hoxe máis que nunca...

Viva Galiza ceibe e socialista!

7/19/2006


NA MIÑA TERRA CUMPRIRASE A VONTADE DOS MÁRTIRES

Ás veces é difícil diferenciar realidade de ficción. Cando todo parece unha construcción (a priori) do onírico, acaba converténdose en espantosa ( triste e irreductible) certeza.

E cando esbozas un sorriso (de novo a priori) material, derrítese e cae nos fíos da perversa maquinaria neuronal nocturna.

A obsesión do francés Michaud: vixilia e soño.

E vaia, fuxindo da utopía, tiven que abandonar o determinismo de Marx (que nunca o marxismo), e concebir ao socialismo como unha construcción humana consciente, nacida do convencemento da maioría de que é necesario instaurar unha forma superior de convivencia, e non fruto inevitable do desenvolvemento de forzas económicas impersoais. Somos ante todo humanos. Íntegros, e con conciencia. E non un simple número. E non vou falar hoxe do civismo... Hoxe non.

¿E todo ao fío de que? Fai 70 anos do levantamento fascista contra o goberno lexítimo republicano. Sempre está ben facer MEMORIA. E que os de sempre non comparen víctimas con verdugos. Aquí só houbo unhas víctimas: as que estiveron reprimidas polo franquismo. Queda aquí unha sentida homenaxe a todos aqueles que morreron por defender os seus ideais. Viva os mártires galegos! E viva os mártires de todo o mundo, claro está!(muletilla internacionalista).

“A miña Pátria natural é Galiza. Amo-a afervoradamente. Xamais a traizoaria, ainda que me concedesen séculos para viver. Adoro-a até máis alén da miña morte. Se entende (o tribunal) que por este amor entrañábel debe ser-me aplicada a pena de morte, recebereina como máis un sacrifício por ela. Fixen canto puden por Galiza e máis faria se pudese. Se non podo, até gostaria de morrer pola miña Pátria. Baixo a súa bandeira desexo ser enterrado, se o tribunal, en consceéncia, sulga que debo sé-lo. E este “agarimo” –permita-se-me a única palabra galega que aquí emprego no idioma que falei sempre- que lle teño á Tella sagrada en que tiven a felicidade de nascer, non me obriga a sentir sengun ódio a España, a que por direito, pertenzo. Somentes comatin os seus erros, e, ás veces, a sua crueldade política para coa miña Galiza idolatrada. Mais nada”.

(Tradución das derradeiras palabras pronunciadas por Alexander Bóvesa, en español por obriga, no xuízo en que foi condeado a morte).



PD: non sabía que existían colonias de cantantes...vaia, un produto máis do sistema,non?

7/16/2006



Unhas hélices plastificadas cun motor adxunto estanme facendo máis amena a existencia. Nun constante e equilibrado movemento de dereita a esquerda ofréceme unha bocanada de aire fresco cada 16 segundos.

Que bonito é facer literatura en 16 segundos.

-E que bonito é pensar que esas hélices plastificadas fundiranse co tempo.
-E que bonito é meter a lingua entre as hélices plastificadas e facer sangue.
-E que bonito e ter todo o chan vermello.
-E que bonito e estar enchoupado de líquido agoniante e sen consiciencia.
-E que bonito é ver, de forma borrosa, a túa lingua separada do teu corpo.
-E que bonito é chorar.

7/09/2006




O sol, noutro momento entrando penetrante pola fiestra, ía acomodándose para a súa morte nocturna. Antolín Faraldo, punto central do cuarto cunha xeometría mesmo sinistra, respirou profundamente. O ambiente ía despexándose e unha brisa que entraba en periodos curtos traía aire fresco á estancia. O noxento cheirume parecía esvaecido. O convidado de pedra, aínda coa cabeza matinando naquela Asamblea, parecía seguir o historia con certa distancia.

Porque non lle importaba quizais, alienado nun mundo que ás veces, e a pesar das cousas, lle resultaba aínda alleo.

7/01/2006


-Un ano máis. Un ano menos.

(e agora é cando baixamos a cortiniña e miramos nostálxicos ao chan, cos ollos cheos de bágoas)

 
adopt your own virtual pet!