Pasaban os anos devagar, fuxían as ilusións e a morte romántica non chegaba, perdéndose na vista a miríada de grans do reloxo de area. Na memoria, as lembranzas difuminábanse catro décadas atrás. O seu corpo permanecía intacto, dentro dunha burbulla onde o descorrer era máis lento. A súa única solución sería marchar para unha estrela esvaecida. De cando en vez bota un ollo á terra, por iso dos indicios nocturnos (a partires das 4.40) dunha migalla de morriña inconexa.

9/28/2006





Aos que se queiran dar por aludidos. Extracto da Declaración de Láncara, Xosé Manuel Beiras:

Cooperación. Digo "cooperación" como valor antitético do contravalor "competición" –que non equival á simples "emulación". Levo insistido arreo en afirmar que non pode haber socialismo nen esquerda sen que as pautas de conduta individual e de relación social no seu seo consistan na cooperación. A dia de hoxe ouso afirmar que, sen esa condición, nen sequer pode haber democracia. O andacio máis pernicioso suscitado pola exacerbación ultraliberal da competición non consiste en que leva ao paroxismo a irracionalidade social do sistema económico, senón en que carcome e destrue as condicións de existencia posíbel da democracia. E cando ese andacio penetra, como está a penetrar con aceleración constante, en organizacións políticas e sociais da esquerda, surte o efeito dunha gangrena irreversíbel que fadalmente enxendra monstrosas malformacións letais: non hai esquerda que poida sobreviver se non erradica a competición do seu seo.

9/26/2006


Non poñemos en dúbida aquilo que sabemos que existe, dubidamos daquelo que non sabemos que existe"
CASTELAO

9/18/2006

Baixade ata abaixo da páxina. Sí, podedes coller o rato e darlle á barra que está na dereita da pantalla. E alí atoparedes a miña mascota. Podédeslle dar de comer e botarlle auga. Chámase cocho ceibe. Parece ledo, ¿non si?
Pero detrás disto péchase unha irreductible certeza. É un ser animado froito da combinación dun código binario. E a pesar do seu nome, nunca sairá dese recadriño, nin tan sequera poderá dar unha volta polos post e commments do propio blogue.
Mirádeo. ¿Non tendes de súpeto, un invisible fío de atracción cara a súa feitiña expresión? Pero non lle collades cariño. Porque non é real.
Agora estará agardando a que lle deades de comer unha insulsa peza de froita. Non ten máis que iso na súa existencia. E sorrirá. E correrá a buscarvos o punteiro. Que triste é a vida do cocho ceibe. E eu que fillo de puta por poñerlle ese (triste e irreductible) nome.

9/15/2006

Chegaron de noite e coa cara cuberta. Premeditadamente seguíranme co coche para saber en que piso vivía. Pero non querían matarte, sabía perfectamente que esa non era a súa intención. Sen min non podían chegar a ningunha parte. Só querían silenciarme.

Foi un deles o que deu o paso. Pero non o ían facer co método tradicional. Vaia, sería un insulto para a súa intelixencia. Foron ata a esquina e prenderon o ventilador de chan coa máxima potencia. Eu estaba atado de pés e mans. Cunha pistola mandáronme sacar a lingua. E así, fóronme achegando paseniño. O sufrimento producíalles placer.

E cal imaxe dantesca, manchei o peito de sangue cun xemido dunha dor irracional. E a lingua ficou alí, nunha esquiniña. Enrugada, vermella.En dúas semanas cicatricei. Os moscardóns déronse o banquete ata deixar só migallas. E os democrátas gañaron. Pero que non teñan a conciencia tranquila: sabían que esa era a única forma de calarme: arrincándome a lingua.

9/14/2006


Delegados non, grazas.

É obvio, parece obvio vaia, e concordo con el, de que o BNG constitúeno fundamentalmente os seus militantes. Son o activo político máis importante, quen todos os días defende a única organización que ten un proxecto político para Galiza, que defende a súa actuación nos concellos, na Xunta de Galiza e nos colectivos sociais. Son os que cada ano de eleccións (e mesmo cando non son eleccións) piden o voto para o nacionalismo de esquerdas e así construír entre todos esferas de liberdade e benestar.

E paréceme repugnante (por non dicir outro adxectivo) que algúns queiran mermar a democracia interna que sempre representou ao BNG. ( 1 militante= 1 voto), alegando á inviabildiade polo número de militantes. Non é excusa, xa que non medramos tanto dende a última Asemblea Nacional. Polo tanto, quero deixar clara constancia de que:
Amiguiños, DELEGADOS NON, GRAZAS.

9/05/2006




Non queremos facer disto un monólogo político. Pero cando as cousas ponse turbias e os “institucionalistas” continúan ancorados nos actos servilistas e clientelares, un ten que levantar a voz. Xa está ben Quin, xa está ben. Unha cousa é ofrecer sevizos sociais e benestar á tan esquecida terceira idade, e outra é darte baños de masas no teu egocentrismo e narcisimo.
Man esquerda, Quin. Sempre man esquerda e sen paternalismos.

 
adopt your own virtual pet!