Pasaban os anos devagar, fuxían as ilusións e a morte romántica non chegaba, perdéndose na vista a miríada de grans do reloxo de area. Na memoria, as lembranzas difuminábanse catro décadas atrás. O seu corpo permanecía intacto, dentro dunha burbulla onde o descorrer era máis lento. A súa única solución sería marchar para unha estrela esvaecida. De cando en vez bota un ollo á terra, por iso dos indicios nocturnos (a partires das 4.40) dunha migalla de morriña inconexa.

8/28/2007




No marco da disciplina (ou como non avanzar)

No "Documento dos 16 folios contra os coroneis", feito público o 4 de abril de 1977, afirmábase que calisquer orgaización popular ou de masas é un autómata mecánico ao servicio dos coroneis. (Fonte.: isca.blogaliza.org)

Debo afirmar que, a pesares de que algúns queiran verme como un antiupegallo, non o son. Afirmo sentenciosamente que dende o meu punto de vista a UPG foi e é un activo importantísimo do Movemento Nacionalista Galego. Cos seus pros (traballo incansable, formación medio-alta) pero con moitísimos contras. Entre eles, claro está, a do seu afán de "controlar" e impoñer disciplina a súa maneira. A frase do principio non é baladí, xa que reflicte perfectamente o que, nas miñas carnes, vivín en diversas organizacións socias e estudantís nacionalistas alén do BNG (véxase CAF, por exemplo).

Considérome marxista na forma de analizar a sociedade (na estratificación estrutura-superestrutura e na dialéctica ideolóxica, mais non no caduco sistema de confrontación clásica de clases como motor da Historia que algúns seguen como un catecismo sen saber que xa estamos no século XXI) e liberal-revolucionario no pensamento político. De aí nace o meu socialismo democrático que, ao nacer en Galiza, faime ser nacionalista tamén.

Outros, non obstante, prefiren vivir nunha burbulla sen adaptar o discurso teórico (U-la nova análise da estrutura social que Beiras quería facer no 2004 antes de que o decapitaran para ter praxe congruente cun país terciarizado?). Para ben ou para mal, o agrarismo xa pasou e precisamos dunha nova releitura da situación económica de Galiza que, a pesares de seguir sendo unha neo-colonia da periferia europea, dista moitísimo do que foi nos 70".

Deixando dun lado este tipo de apreciacións que xa realizaremos máis adiante, algo importante que unha opción paridaria da Fronte Patriótica A-ideoloxizada ("estamos por riba da esquerda e da dereita") debe deixar de facer é, por unha parte, a aplicación de métodos stalinistas da aplicación da lei ("según me conviene") e o control férreo dos movementos socias.

No tema da Asociación Galiza-Israel, o que se fixo foi unha persecución contra Pedro Gómez Valadés por ser "cómplice do imperialismo"."Se nos estatutos di que somos antiimperialistas, toda acción que vaia en contra disto é motivo de expulsión". Non direi nada. Porque non comparto a postura do compañeiro Pedro, que ao meu modo de ver é errada. Pero engadirei que tamén nos estatutos do BNG pon que "defendemos os dereitos humanos". E, como é sabido, moitísima xente da Fronte está metida en Asociacións de Amizade con Cuba é Irán. E xa non das súas xentes (como é o caso da AGAI), senón da súa clase política que creba a liberdade de información, non respecta ás mulleres nin aos homosexuais e ten instaurada a pena de morte. Eu non estou nin con uns nin con outros. E despois din que a "nosa" postura é a maniquea... (ou comigo e coa miña espada anti-imperalista, ou con eles, os imperialistas do capital).

Por outra, e non menos importante, o tema da independencia dos movementos socias. A todos eles hainos que separar rapidamente dunha opción partidaria porque deben ser ferramenta ao servizo da sociedade civil, e non correas de transmisión de ningunhas siglas. So así se constrúe a nación. Paso de xigante que deu a CIG coa plataforma "Cultura si, mausoleos non", pedindo responsabilidades ao goberno do PP pero, no caso de existir, tamén á xestión da Consellería de Cultura que agora mesmo preside A. Bugallo.

Un paso importante. Agardemos que tanto CAF, como A Mesa, como ADEGA (Verdegaia xa superou en militantes a ADEGA, vedes o que se consigue sen control?) como demais asociacións sigan o camiño de emancipación que está emprendendo a CIG.

No marco da disciplina dos coroneis nos 70" remataremos por ser unha forza residual. E non avanzaremos cara o que algúns anceiamos: a República galega con xustiza social.

8/24/2007



Cuestión de lugar


Pregunta a profesora a un rapaz dunha escola da Coruña, que opina, de forma honrada, sobre a escasez de alimentos no resto do mundo.

E o rapaz contesta:

"Esta pregunta é moi subxectiva. Ademais teriamos diversas contestacións segundo o lugar onde se formule. Se a realizamos en Europa moitos dirían ¿Que é a escasez?; se a facemos en África preguntarían ¿Que é o alimento?; de facela na clase política Arxentina teriamos un ¿Que é ser honrado?; e de facela nos EEUU a sentenciosa frase ¿Que é o resto do mundo?."

Saúde, patria, esquerda e altermundismo

8/19/2007




A pesares de que algúns homenaxeen a señores feudais baixo o subterfuxio de conciencia de nación (cando o que realmente defendían eran os seus intereses persoais) o que fica claro, unha vez máis, é que non pode existir liberación nacional sen xustiza social. A Historia Universal así nolo ensina.

Todos somos Irmandiños!

PD: ficades convidados á Revolta Irmandiña.

8/13/2007



"Sie sind süß spanischer Junge"
Cinco días no paraíso do capital dan para moito. O primeiro, constatar unha realidade: Europa remata nos Pireneos. Basel-Basilea (campamento base das mini-vacacións) é unha cidade que representa moi ben o meu ideal de harmonía. Un ente "cívico" dos cidadáns e cidadás. O transporte público baséase en liñas periódicas por toda a cidade con tranvías e buses cunha periodicidade curta que desconxestiona o centro. Por poñer un exemplo ilustrativo, en hora punta, vense máis bicicletas que coches. Cascos históricos peonís, rúas limpas...Iso é o que se chama desenvolvemento sostible. Logo de tamén visitar Colmar, Estrasburgo e Lucerna, teño a certeza de que debemos avanzar (dende o nacionalismo e a esquerda, como é lóxico e para que non diga ninguén que me vendín ao sistema por estar uns días en Suíza) para construír espazos máis habitables no país e fuxir do mifundismo ideolóxico que nos inxecta ese españolismo convertido en localismo que burbulla dende as esferas estatais. E é que non hai agora mesmo unha ideoloxía máis universalizante e internacionalista que o nacionalismo galego.

Deixando dun lado reflexións políticas da mini-fuxida Europea, tiven tempo para o lecer. A pesares de que o nivel de vida en Basel é moi alto (8 euros unha caña), as saídas nocturnas foron bastante proveitosas. Nunha delas, nun local chamado "Papa Joes", cruzáronse no aire ferventes paixóns de ollos azuis e pelo dourado. E logo dun pequeno esperpento inducido por factores esóxenos ("kiss star"), ELA susurroume ao oído algo así como Sie sind süß spanischer Junge ("Ti es moi doce, mozo español"). Logo da tradución simultánea, de que a miña boca tatexara, de que as miñas pernas tremeran e de que a miña cervexa agarimara a súa pel, eu, desexando respostarlle algo tan fermoso como a súa cara, espeteille."I am not spanish, swiss girl".

E que, compañeiros, neste miña vida triste, o meu subconsciente aínda ten prioridades. Nin que dicir hai que a rapaza quedou cortada.

8/07/2007

Un socialista nacionalista galego no paraíso do capital. Prometo non venderme ao sistema.

8/05/2007


Ao meu carón, unha mañá

Espertara. A almofada era testemuña asolagada de toda caste de líquidos cuasi-amnióticos propios dunha saída nocturna. Os beizos aínda tiñan o amargo sabor daquel licor café de 2,50 e a cabeza estaba aínda a se asentar. Ata aí todo normal. Estaba contra a parede. Os calofríos percorréronme do cabo á cima cando, nun intento de darme a volta para acomodarme á postura fetal propia das mañás logo dunha borracheira intensa, o meu cú topouse con outro cú. Palpei e, logo de varias comprobacións manuais por peitos e xenitais (efectivamente, quen estaba ao meu carón era muller) fixen o típico xogo de reconstruír fotograma a fotograma a noite anterior.

Saíra da casa contra a medianoite, logo das respectivas cervexas cos compañeiros de piso vendo o estúpido, aburrido e insulso partido de fútbol. Quedara en C. con todos os compañeiros da clase para tomarlle a segunda na R. Ata aí todo ben. Risas, xustificacións do exponencial crecemento da homosexualidade en Compostela e filosofadas arredor do desenvolvemento sostible no río Tambre. Dúas copas e as escaleiras da parte de abaixo tornáronse vertixionsas. A pesares diso, todo ben.

Eran as 2 da mañá e non había indicios de que esa noite perdera o raciocinio. Antes de ir á zona nova, era cuestión fundamental afortalar o proxecto común no A. E comezaron as lagoas e os saltos espazo-temporais. Fodido licor café. Retrousas pegadizas metamorfoseadas ao non entender nin papa do Himno da Unión Soviética e bailes ao son da converxencia europea. Aí foi cando perdín a razón. Xusto no momento en que estaba a falar cunha inglesa do Espazo europeo de Educación Superior.

Seguía nas mesmas: sen saber a razón, non quería xirarme para comprobar quen estaba ao meu carón. Afondei na pesquisa mental.

Logo estivera escoitando un bo anaco a S., ou máis ben oíndo unha serie de sons artellados sen ningún tipo de sentido, dicindo estupideces unha tras outra, mediocridades varias, obviedades, banalidades, frases baleiras de contido e reflexións que un non entende debido ao mal estado físico e mental do emisor e á mestura de indeferencia e alcol do receptor. Non creo que fora S. Nunca caería tan baixo. Nin tan sequera ten conversa para “os cinco minutos despois de”. Sendo tan filósofo-reflexivo como son, non querería escoitar babosadas propias dunha nena de papá que leva estudando 9 anos para sacar a difícil carreira de Pedagoxía. Ademais, que carallo! S. é castelán falante. Eu non me deito con castelán falantes.

Ao mellor era M. Sí. Galego sublime, constructos teóricos aceptables, frases congruentes, conversa política medio-alta, bos peitos, bos peitos, bos peitos. E o que remato de palpar son un bos peitos. Con M. estivera falando case que media hora antes de saír de casa. Parecía interesada en quedar comigo ao longo da noite para comentarme non sei que. Pero M. está con D., o cabrón do D. O incrible home matriculado dende mais de tres anos en primeiro de Económicas e que só ten cerebro para falar das buxías do seu Audi A3 e das tetas de M. Fodido cabrón. Un home con poucas luces, que obxectualiza ás mulleres e que só sabe falar de coches con esa moza tan intelixente. Obviamente M. non é quen está ao meu carón. Mais quixera.


A L., se lembro ben, vina na beirrarúa do M. antes de ir ao centro. Estaba cun rapaz alto e loiro que semellaba Erasmus cun brazos musculosos que incitaban a esnaquizar dentes de frikis informáticos. Achegóuseme un momento para falar e preguntarme se xa deixara de ser un triste e maniacodepresivo xornalista con tendencia á autoflaxelación. Contesteille que con putas non falaba. Corroboreino. O rapaz que estaba con ela era Erasmus que non entendía nada de galego, xa que se chega a entender o que acabo de chamar á súa acompañante afúndume o brazo na cara.

Con Ma. estivera case que toda a noite. Era compañeira de Faculdade, rapaza das que quedan poucas. De boas notas, guapa e compremetida. Mais con esa sorte de escudo que tece ao seu arredor para non deixar ver máis aló. Soe vestir con traxes no que as cadeiras só se insinúan. Pero con Ma. tivera aquel capítulo inacabado e xurei mil veces que non ía volver caer na humillación.

A todas elas funas deixando atrás contra as 6 da mañá, creo.

Definitavemente, non tiña idea de quen estaba ao meu carón. E unha forza sobrehumana e a certeza de que se me daba a volta íame arrepentir impídenme corroborar a miña feminina compaña. De súpeto, noto un revoloteo inquedo no colchón e noto como a figurante descoñecida se pon en pé. Vístese e, logo dun bico na miña espalda desnuda dime un sensual á vez que desconcertante “ciao”. A despedida en idioma internacional impídeme descartar a aquelas castelán falantes.

Marchou. Collín o móbil. Tiña catro chamadas perdidas a horas semellantes. Unha de M., unha de S., unha de L. e outra de Ma. O día semella tormentoso. E moito máis cando por dentro se xuntou, doutra volta, o desacougo, o rancor, a tristura e licor café.

Pero iso xa é outra historia. A cuestión primordial e deixar de lado as radiografías tendenciosas e esa intensa cor branca que por momentos parece que toma o meu corpo.

 
adopt your own virtual pet!