Pasaban os anos devagar, fuxían as ilusións e a morte romántica non chegaba, perdéndose na vista a miríada de grans do reloxo de area. Na memoria, as lembranzas difuminábanse catro décadas atrás. O seu corpo permanecía intacto, dentro dunha burbulla onde o descorrer era máis lento. A súa única solución sería marchar para unha estrela esvaecida. De cando en vez bota un ollo á terra, por iso dos indicios nocturnos (a partires das 4.40) dunha migalla de morriña inconexa.

9/18/2007


Ata outubro

Marcho para Polonia, ese Estado que durante séculos semellaba o Guadiana (aparece, desaparece, aparece, desaparece). E deixo moitas cousas aínda sen rematar, suspendidas no aire á espera da materialización ou no caso contrario, da desintegración final.

Eis tamén vos deixo unha frase de Antón Baamonde, moi interesante dende o punto de vista da análise de acción e discurso político.


"Un partido precisa, ademais da racionalidade, satisfacer determinadas demandas simbólicas, garantir non só que vai xestionar máis ou menos eficazmente; ademais debe mostrar que ten vontade de entrar en pugna e gañarlle o combate aos inimigos cualificados”.



Saúde, patria e socialismo para todos e todas

9/11/2007



Bona Diada!

Catalunya, triomfant,
tornarà a ser rica i plena!
Endarrera aquesta gent
tan ufana i tan superba!
Bon cop de falç!
Bon cop de falç, defensors de la terra!
Bon cop de falç!
Ara és hora, segadors!
Ara és hora d'estar alerta!
Per quan vingui un altre juny
esmolem ben bé les eines!
(tornada)
Que tremoli l'enemic
en veient la nostra ensenya:
com fem caure espigues d'or,
quan convé seguem cadenes!
(tornada)

Els Segadors


Visca Catalunya Lliure!

9/03/2007



Sabedes de quen son estos principios programáticos
e proposta de Preámbulo de Estatuto?


O punto de partida para o resgate e a institucionalización da autonomía de Galicia está nas pasadas eleccións do 15 de Xuño (de 1977): para os que defendemos o dereito de autodeterminación e, dentro del, cremos que un Estado federal é a alternativa aos dereitos de Galicia e aos problemas e España, sen rachar coa súa unidade, esta preautonomía é un paso e tamén a gran posibilidade de logralo nun futuro imediato".

"Galicia sitúase así, nun plano de lexitimidade xurídica, en absoluta igualdade coas outras dúas nacionalidades máis caracterizadas de España, Catalunya e Euskadi, e atópase a un paso da autonomía definitiva que virá dada con posterioridade á aprobación da Constitución".

"PREÁMBULO

O presente ESTATUTO DE AUTONOMÍA, elaborado por acordo conxunto das forzas políticas con importancia en Galicia, constitúe a materialización dunha arela multisecular da Nación Galega por reafirmar a súa identidade e conquistar a súa liberdade para autogobernarse.
Considérase como antecedente fundamental o Estatuto de Autonomía plebiscitado e aprobado polo pobo galego o 28 de Xuño de 1936. Recóllense aquí os valores históricos que contén, arrequentados e actualizados co aporte dos proxectos de bases e estatutos presentados á Xunta Preautonómica de Galicia polas forzas políticas e institucións públicas e privadas na nosa Terra, que se sintetizan no presente ESTATUTO DE AUTONOMÍA, para estabelecer as súas institucións de autogoberno e definir as relacións co Estado, dentro do marco constitucional en vigor.
No intre en que Galicia conquista as súas liberdades, constitúe unha obriga deixar testemuño de homenaxe aos milleiros de homes e mulleres que loitaron e loitan polos principios que informan este ESTATUTO, personalizado en catro galegos "bos e xenerosos": Ánxel Casal, Alexandre Bóveda, Alfonso R. Castelao e Xaime Quintanilla, que foron guieiros do Estatuto do 36.
Este estatuto sinala como supremos valores do seu ordenamento, a liberdade, a igualdade e a xustiza, alicerces para unha convivencia democrática que lle permite a Galicia avanzar nun camiño de prosperidade e acadar as cotas máis altas de calidade de vida nos aspectos social, cultural e económico, sen míngua dos dereitos das persoas e dos pobos.
O ESTATUTO DE AUTONOMÍA DE GALICIA significa a reiterada vontade, colectiva e libremente expresada pola Nación Galega, de manterse integrada no Estado Español e comprometerse solidariamente ao desenvolvimento común coas demáis Nacionalidades e Rexións que forman España, afondando no proceso autonómico democrático até os máis altos graus de aperfeizoamento.
Como concreción destes principios, en uso do dereito natural e constitucional, de Galicia para autogobernarse, os parlamentarios galegos aproban, o Pobo Galego refrenda e as Cortes Xerais Españolas ratifican o presente ESTATUTO DE AUTONOMÍA DE GALICIA".

Proposta de Preámbulo presentada polo PSdeG-PSOE en 1979. Paco Vázquez como un dos galos dese PSdG. Como involucionaron algúns...

9/01/2007


Sobre a demagoxia do nacionalismo español con pel de cordeiro, sobre as lexítimas aspiracións de independencia e sobre eses posmodernos individualistas sen patria nin bandeira

un vello truco do opresor aparecer vestido coas ropaxes do oprimido: o verdugo dá un chouto ao palco e finxe ser a vítima da representación. É tamén unha coñecida trapela negar as razóns da opresión: non hai nacións, non hai pobos, só hai cidadáns, só hai individuos, como nas películas de Clint Eastwood, sálvese quen poida".

Xosé Mexuto en xornal.com

"Que queredes que vos diga. Tardei en convencerme. Mais, após decenios de vida malgastos en ensaiar o raciocinio, a paciencia, o tempero, a argumentación, a persuasión e até o optimismo da vontade para contribuir dende a miña identidade nacional galega a construirmos en común un Estado español habitábel por todos, despois de todo ese esforzo durante todo ese tempo, cheguei á conclusión de que estivera a "traballar para o inglés". Nen sequer se trata dun esforzo ilusorio por realizar unha utopía. Non. Trátase dunha "impossible mission". Debín facerlle caso ao don Ramón María dos esperpentos, que hai ben tempo xa que dictaminara por boca do seu alter-ego Max Estrella que "España es un corral nublado". A caverna española obstínase en darlle toda a razón aínda hoxe. Compre renderse á evidencia: só o combate pola nosa autodeterminación como povo, orientada cara a independencia, só ese camiño poderá chegar a algures, só esa actitude suscitará respeito cara nós e os nosos dereitos cívico-políticos, poisque a caverna española só respeita a quen teme. É mágoa, mais é asi. Porque o problema non o somos nós, os galegos nacionalistas: sóno iles, os chovinistas de diversas córes e adubíos. Os atrancos non os pómos nós: poñenos iles. Nós tentamos construir para tódos: iles só se aplican a destruir o que nós dámos construído. Cómprenos elevar o ángulo de tiro na nosa pacífica e cívica proposta para chegarmos alén das suas posicións. E dende aí sempre estaremos a tempo de falar se acaso "abrenuncian" á apolexética dos dogmas para profesaren o uso da razón ilustrada –é dicir, se acaban por ingresar na cultura da modernidade propriamente dita."

Xosé Manuel Beiras, Declaración de Láncara

Ao fío da reacción da maquinaria mediática do españolismo máis feroz e intransixente, e tamén observando certos blogues amigos, véxome na obriga de facer algunhas consideracións ao respecto.

En primeiro lugar, existen varios tipos de nacionalismos, unha miríada deles, diría eu, pero, para o caso, trazaremos dúas variables: esquerda-dereita (non será explicado pola súa condición transversal); nación sen estado-nación con Estado. Polo tanto caer no argumento de que "todos os nacionalismos son iguais" é non ter visión histórica nin perspectiva política.

Hai un nacionalismo que non se pode observar claramente porque está institucionalizado, por dicilo dalgún xeito. Ver unha bandeira española nun partido de fútbol é nacionalismo. Nacionalismo de exaltación dunha nación que ten un Estado que preserva a súa identidade e que, ademais, IMPÓN ese cultura hexemonizadora e homoxeinizadora (
através da Administración, dos medios de comunicación, de Decretos, de Recursos contra medidas de discriminación positiva lingüística...) sobre outras culturas que obxectivamente e a pesares do intento do españolismo para aniquilalas, dende os Reis Católicos ate Aznar, viven aínda. Este nacionalismo tamén é coñecido como nacionalismo opresor.

Hai outro nacionalismo que pretende a emancipación. Normalmente non está nas estruturas de poder e ten que valerse de partidos políticos nacidos do "poder popular" para que as súas lexítimas demandas de preservar a identidade negada saian adiante. O nacionalismo galego é un nacionalismo de liberación nacional, reacción do nacionalismo español que agora pretende porse a pel de cordeiro e escenificar unha opresión que sería á inversa. A nación galega (simbólica, cultural, racional, sociodemográfica, económica) ademais, ao non ter Estado, posee a dupla opresión: a xa citada do Estado español que impuxo e impón a súa cultura, e a do sistema neoliberal desnacionalizador por e para o mercado ("impoñamos unhas pautas de comportamente homoxéneas. Fagamos aos seres humanos autómatas. Borremos as culturas. Argumentemos que falar de nación, sexa no contexto que sexa, é estúpido. Vivamos na nación universal do consumo").

¿E todo isto a que ven? E que estou farto, realmente farto, de que algúns digan que nós, os nacionalista galegos da esquerda anti-neoliberal, queremos impoñer falar galego, queremos adoutrinar o Himno nas Galescolas, queremos anexionar municipios limítrofes ou queremos...en fin. Eu só o que quero é SER GALEGO, que o meu idioma non se deixe de falar, que a miña xente poida saber da súas raíces e da súa cultura para aportar coñecemento á humanidade. Ademais, claro, de autonomía fiscal e política. Quero existir como pobo sen impoñer nada a ninguén. E que estamos a confudir NORMALIZAR con impoñer. Porque hai que ser ESTÚPIDO, con maiúsculas, pensar que o galego e o español están ao mesmo nivel, porque é constable que o castelán ten ventaxas xurídicas.

Pois ben, a Historia Política Universal demostrounos que para que os nosos dereitos nacionais (non é baladí ser nación!!!) sexan respectados, a opción máis nidia é rachar todos e cada un dos fíos de subordinación e dependencia do Estado que sistematicamente nos nega. A solución e que os cidadáns galegos exerzamos o noso dereito a decidir libre e democraticamente a constitución dunha República galega social dentro dunha Europa dos pobos e solidaria. Unha vez constituídos en Estado propio, escolleremos como integrarnos noutras estruturas supranacionais e como colaborar para o desenvolvemento dos homes e mulleres e dos pobos do mundo.
E cando viva no Estado galego, non fará falla exaltar a nación. Porque xa non teremos ese primeiro nivel de opresión.

E que non vexo outra opción. O nacionalismo español xa é chovinismo e negación de por sí. E eses que non avogan nin por patrias nin por bandeiras, normalmente teñen "embaixo de toda a súa faramalla individualista e anti-identitaria a adhesión a unha nación. A española, por suposto. Unha nación que ademais se concibe como unha entidade eterna, intemporal, como unha deidade que precede a todo e que sobrevivirá a todo. Estes individualistas adoran unha nación que só existe nas súas mentes, a mesma ensoñación mítica que cantara José Antonio Primo de Rivera no seu discurso da Comedia, a da unidade indisolúbel da Constitución española. Así son estes posmodernos: un chisco de Lerroux, un chisco de José Antonio, un chisco do embaixador do Vaticano, un editorial de Pedro Jota, o último alegato progolpista de Jiménez Losantos e a continuar coa representación mentres os verdadeiramente oprimidos continúan unha miga atordoados e algo intoxicados polo pensamento único."

E estou farto dos cipaios. E dos que se amparan na liberdade de escoller para, de forma premeditada, fusilar a Galiza e á súa cultura, que tamén é fusilarme a min. Pero non pasarán. Teña a completa certeza de que venceremos. E non pasarán.

Viva a República Galega con Xustiza Social!
Viva todos os pobos e nacións do mundo!
Viva o xénero humano!
E viva o altermundismo, por suposto!

 
adopt your own virtual pet!