Pasaban os anos devagar, fuxían as ilusións e a morte romántica non chegaba, perdéndose na vista a miríada de grans do reloxo de area. Na memoria, as lembranzas difuminábanse catro décadas atrás. O seu corpo permanecía intacto, dentro dunha burbulla onde o descorrer era máis lento. A súa única solución sería marchar para unha estrela esvaecida. De cando en vez bota un ollo á terra, por iso dos indicios nocturnos (a partires das 4.40) dunha migalla de morriña inconexa.

1/29/2007



1/21/2007
























OUTRO MUNDO É POSIBLE!

Un ano máis celébrase o Foro Social Mundial, desta vez en pleno corazón de África, nomeadamente en Nairobi. E doutra volta, a totalidade das forzas política do Estado español (agás unha) danlle ás costas e este encontro tan importante no movemento altermundista para buscar solucións aos problemas comúns que sofre a humanidade e máis concretamente a periferia desfavorecida. Alí estarán os movementos socialistas de Sudamérica, as correntes de liberación africana e moitos outros, entre eles, integrantes de Alianza Libre Europea- Verdes. E como non, o nacionalismo galego estará representado por Xosé Manuel Beiras en nome do BNG e da Fundación Galiza Sempre.
Entre outros temas trataranse aqueles en favor de construír un mundo de paz, xustiza, ética e respecto. O de liberar ao mundo da domininación do capital e asegurar o acceso universal e sustentable aos bens comúns. Democratizar a informacón e o coñecemento asegurando a dignidade, defendendo a diversidade e garantindo a igualdade de xénero e elimando toda discriminación.
Garantir os dereitos económicos, sociais e culturais, especialmente os dereitos á alimentación, ao coidado da saúde, educación, vivenda, emprego decente. Construír un novo orde mundial baseado na soberanía, a autodeterminación e os dereitos dos pobos, cunha economía sustentable e construída en base a estruturas e institucións políticas reais e democráticas coa participación das persoas nas decisións e no control dos asuntos e recursos públicos.

E non me cansarei de repetir que a homologación é un insulto á intelixencia. E aínda teño un terrible zunido nos oídos que me dicía algo así como que os "nacionalistas rozais la xenofobia". Así que, queridos amigos do PARTIDO SOCIALISTA OBRERO ESPAÑOL, dígoo así de claro, somos os únicos que estamos alí onde está a esquerda mundial máis avanzada e os únicos que nos importa (non de fachada) todo o que acontece no mundo. Onde está a representación do PSOE neste foro??? Non hai.

E repito, é un insulto á intelixencia todo o que escoito das vosas bocas. "Rozais la xenofobia".

Aquí está a nosa xenofobia. Está no foro Social Mundial intentando buscar solucións á pobreza e intentando implementar estratexias para un mundo xusto e en paz. Non teño outra palabra que agora mesmo defina a sensación que me da esa doble moral que tendes que esta: noxo.

1/13/2007

(retomo a partir do publicado)

Disque houbo un inquérito dirixido dende Vicepresidencia para avaliar a incursión do termo amor no texto artellado do novo Estatuto. Reproduzo aquí as posibilidades que a sociedade civil ofrece para a definición deste termo. Logo pasarán os procedementos pertinentes e se incorporará á Comisión de Redacción. Contamos coa oposición de partida do PP. Din que a nación non existe e que o amor é unha mentira. Apuntan unha "comunidade histórica de corte sentimental aséptico". A última contraoferta do BNG é "nación de amor". O PSOE móvese na indefinición, coma sempre. "Comunidade nacional de cariño diverso". "As cousas son moito máis sinxelas cando un non se anda con rodeos" afirman dende o BNG. "Non debemos tolerar ningún tipo de indefinición, e sobre todo nestes tempos nos que mesmo o explicitamente recoñecido remata por negarse dende aqueles foros lexitimados. A definición é un dos exercicios lingüísticos que máis detalle e concreción esixen, e calquera lingüista que se prece sabe que definir mediante sinónimos –ou eufemismos- é un absoluto fraude á intelixencia. Nada, absolutamente nada, se pode dar por suposto. Vivimos nun tempo no que os silencios son condenas. Canto meirande sexa a nosa indefinición, máis e máis intérpretes hanse sentir autorizados para dicir o que somos", apuntan dende a organización frentista.

- Eu: Unha serie de reaccións químicas no cerebro que provoca o desquiciamento, a irracionalidade e o desexo de posesión física e/ou intelectual e/ou ideal dun membro, ou varios do xénero humano ou animal.
-EE: Algo marabilloso e precioso que non se pode controlar. Consúmase no acto sexual.
-Moncho Reboiras: Algo totalmente superficial inducido polo sistema capitalista para esquecerse da loita de clases e para durmir ao proletariado.
- Muller: Sentimento de grande afección, amizade, tenrura, simpatía, etc., [que se experimenta por alguén].
- Existencialista: Dende o punto de vista teórico o amor é un dos piares do ser humano e da súa existencia. Precísase para que a copulación e a reproducción sexan do máis pracenteiras posibles.
- Vaporosas:Adormecemento dos sentidos e perda da razón que xorde cando a adoración hacia alguén é tan enorme que non se distinguen nela case defectos. As bolboretas no estómago revelan o primeiro síntoma.Todo recorda a persoa amada e nalgún momento das nosas conversas desexamos falar dela para xustificar diante dos demáis que o que sentimos ten sustento.Pero o amor non perdura sempre e do mesmo xeito que chega marcha. É entón cando en lugar de bolboretas sentimos melancolía e cando as conversas evitan o seu nome.Os recordos parecen moi lonxanos e os defectos da persoa amada saen pouo a pouco á luz, xustificando agora un novo sentimento: liberdade da alma.
- Principiño: "Quérote porque ti me fas mellor persoa cada día", "quérote porque cando non estou preto de ti penso en que estarás facendo e cando estou contigo polo menos véxote"... Estas son dúas definicións que eu meto de forma humilde... non quero poñer unha definición estándar e universal, porque o "AMOR EN CADA PERSOA É DIFERENTE".

Aí quedan as posibles difinicións. Pretendemos afondar en que tanto nación como amor parte da vontade do individuo.

1/11/2007


A modelar!

1/09/2007




Negociación: Proceso mediante o cal as dúas partes ceden
. Poñamos de exemplo o proceso de paz (xa roto) entre o Goberno e ETA.

Goberno: “Estamos nunha negociación. Non pagaremos prezo político. Non presos, non autodeterminación. Só Estado de Dereito.”

Alguén máis se da conta de que isto é algo tremendamente incongruente? Ademais, claro está, que o principio de proceso (non haberá negociación mentras ETA non abandone as armas) é o mesmo que o final (que ETA abandone as armas). “O que tes que facer, querido amiguiño, é rendirte, abandonar as armas, arrodillarte e poñer as mans na cabeza. Logo, claro está, negociaremos.”

Pois sí querido goberno, hai que falar de presos, hai que falar de Navarra (e xa non falo do recoñecemento xurídico da autodeterminación), hai constituír unha mesa de partidos e dende logo que non hai que encarcelar ao único interlocutor válido entre Goberno, Batasuna e ETA, que non é outro que Arnaldo Otegui.

Mentras non se dean estas condicións, a negociación non ten sentido, simplemente quedará en pura pantomima panfletaria da socialdemocracia española. As formas están ben (trámite parlamentar) pero os métodos, as tácticas e as contraprestacións non fican claras.

Repito: a negociación parte da inexcusable condición de igualdade democrática, tendo en conta as distancias e sabendo que é entre unha organización terrorista e o goberno. Pero nunca cunha pistola na cabeza do outro. Nin para uns, nin para outros.

1/04/2007


Reproduzo este artigo publicado no portal dixital gznacion.com. Quizais porque me considero un co-autor intelectual. Ou quizais non. Quen sabe.


Bety la fea


Leo nalgures –con seguridade nalgún suplemento dominical- que unha das series con meirande éxito da grella televisiva desta temporada é unha adaptación dunha vella telenovela colombiana titulada “Bety la fea”.
A protagonista é unha competente secretaria, namorada do seu xefe, discriminada polos compañeiros de traballo polo seu aspecto físico, ao efecto, debidamente esaxerado con todos aqueles apósitos que o común entendemento das sociedades contemporáneas asocia coa imperfección ou coa fealdade: lentes de cu de vaso, aparello dental e vestiario dos tempos da avoa. Metida en fariña –neste caso no desapiadado mercado laboral- a moza se ve na obriga de demostrar unha e outra volta a súa valía profesional nun entorno hostil e competitivo, superando o seu pretendido handicap inicial cun tesón e unha perseveranza digna de todo encomio. Ata certo punto, non deixa de estrañar a aceptación entre a audiencia da susodita serie, unha aceptación baseada sen dúbida na empatía que suscita a protagonista entre un público igual de asoballado polos clixés da moda, da beleza e da tiranía dos departamentos de recursos humanos. Con todo –así conclúe a telenovela orixinal, polo que non é arriscado supor un final semellante na adaptación- o parruliño feo remata por levar o gato á auga e consegue o soñado amor do xefe. Ora que virando guapa, iso si. A trama ten trampa: a amiga Bety non só é traballadora e intelixente, senón que é quen de experimentar unha espectacular metamorfose que a leva a aparecer un bo día na oficina convertida nunha auténtica beleza. En realidade, a serie remata por avalar o que presuntamente condena nun inicio. O triunfo vital –a realización do afamado “plan de vida” dos filósofos neoliberais anglosaxóns- non ten outra triste meta que o triunfo laboral e sentimental, en certa maneira a vella “salud, dinero y amor” dos nosos pais. A mensaxe, no fondo, está bastante arredada do que nun primeiro momento puidera parecer e inclúe –perdoade a palabra- un acusado pouso “reaccionario”: “se non es quen de vencer ao sistema, únete a el, amiguiño, xoguemos coas mesmas regras”. E todo isto –escusade estes fatigosos introitos- vén a conto do seguinte. Inmersos como estamos nunha fase da Democracia que o clarividente McPherson chamou un día “Democracia coma Mercado”, as tensións entre sistema e antisistema veñen resolvéndose na práctica coas regras das Economías de Mercado, nun proceso no que as forzas políticas transformadoras tenden a ceibar lastre ideolóxico co degoro de participar no xogo electoral e xa que logo na toma de decisións –aspiración lóxica, por outra banda, se o apetecido é incidir na sociedade- nos máis diversos ámbitos.
A espada de Damocles da exclusión motiva na práctica unha sorte de proceso de homologación, un paulatino “lavado de cara” que entre outras moitas renuncias –e non paro en siglas- incluíu poño por caso a do marxismo, a do republicanismo e mesmo a reivindicación netamente soberanista dalgúns partidos nacionalistas. O medo a molestar, o medo a ser “feo” neste “politicamente correcto” mundo feliz, determinou que moitas das mensaxes que deron pe á formación de múltiples partidos políticos estean a día de hoxe practicamente esquecidas, ou, no mellor dos casos, vixentes coma unha triste referencia nostálxica e nominal.
Cómpre non esquecelo nunca: unha cousa é entrar no sistema co propósito de mudalo e outra ben distinta diluírse nel co único pretexto do pragmatismo. Direino sen dicilo abertamente. Direino. No momento en que deixemos de ser feos e molestos, estaremos irremediablemente perdidos. Aínda que casemos co xefe.

Xabier López (03-01-2007)

en www.gznacion.com


1/01/2007



Esquizofrenia

Este é un dos típicos días, por dicilo do xeito convencionalmente aceptado e sen querer caer no absurdo e triste simplismo nominal, tontos. Día tonto no que o estómago non está na súas mellores condicións, a cabeza parece que vai entrar nunha dinámica centrifugadora auto "ex" -pansiva/plosiva e as meiniñas non acertan a espertar de todo. Os lentes cáenseme, non teño forza nos brazos e o meu humor non está precisamente nun punto medianamente aceptable para a xente que me rodea. Non teño capacidade obxectiva para realizar tarefas de máis de dous movemento coordinados. Nin tan sequera para memorizar un cativo recadriño vermello con, exactamente, 9 palabras.

¿Que facer logo? Prender o ordenador e actuar de forma mecánica. E remexer no pasado. E xusto nese pasado tortuosamente exfoliado, atopei un relatiño meu publicado en Faneca Brava que non deixar de esconder unha verdade universal: que o amor é unha esquizofrenia. Aquí está:

Pensa en min, Amor

Non é unha enfermidade a que, aos poucos, vaime consumindo por dentro. Non Amor, non o é. Algo, sen nome e sen rostro, esnaquízame co paso dos días. Penduro do seu imperativo, categórico e diario para unha mente como a miña e inexistente para o resto da humanidade. Noto a súa presenza polas noites, paseando polo meu cuarto, arredor da cama.

Ás veces fálame. Eu non lle fago caso, intento non escoitalo. Pero non me deixa Amor, non me deixa. O día seguinte da súa primeira visita deixoume un coitelo afiado ao carón da porta. Á semana un frasco de pílulas de cor moi extraña. Onte unha corda amarrada á lámpada do salón.

Nas últimas horas non me podo quitar da cabeza a súa silueta das noites moribundas. Unha dor que me roe o corazón vaise apoderando do meu corpo. Agora mesmo está en fronte miña, de costas. A fiestra está aberta e méteme presa para que marche con el. A única forma de que me deixe de amolar e facéndolle caso.

Pensa en min sempre, Amor. E lembra que fuches ti a que me animaches a mercar o piso nun oitavo andar.

Está escrito en forma de carta desesperada a aquel "ente" abstracto chamado "Amor". Nun primeira visión podémolo cinguir ao estritamente sentimental: unha persoa que tolea por amor, e, a raíz diso, cre que un "ser" estraño o visita de cando en vez e o incita ao suicidio. Tal é a súa deseperación que ao final mátase tirándose pola fiestra. Pero realmente quíxenlle dar máis contido. Pódese sustituír Amor por calquera outro concepto. E efectivamente non é unha enfermidade o que nos vai consumindo por dentro. Vainos consumindo un mundo cada vez máis tolo é, porque non dicilo, esquizofrénico. Oxalá todas as esquizofrenias foron por amor. Porque esas sí que teñen cura.

 
adopt your own virtual pet!