Pasaban os anos devagar, fuxían as ilusións e a morte romántica non chegaba, perdéndose na vista a miríada de grans do reloxo de area. Na memoria, as lembranzas difuminábanse catro décadas atrás. O seu corpo permanecía intacto, dentro dunha burbulla onde o descorrer era máis lento. A súa única solución sería marchar para unha estrela esvaecida. De cando en vez bota un ollo á terra, por iso dos indicios nocturnos (a partires das 4.40) dunha migalla de morriña inconexa.

1/04/2007


Reproduzo este artigo publicado no portal dixital gznacion.com. Quizais porque me considero un co-autor intelectual. Ou quizais non. Quen sabe.


Bety la fea


Leo nalgures –con seguridade nalgún suplemento dominical- que unha das series con meirande éxito da grella televisiva desta temporada é unha adaptación dunha vella telenovela colombiana titulada “Bety la fea”.
A protagonista é unha competente secretaria, namorada do seu xefe, discriminada polos compañeiros de traballo polo seu aspecto físico, ao efecto, debidamente esaxerado con todos aqueles apósitos que o común entendemento das sociedades contemporáneas asocia coa imperfección ou coa fealdade: lentes de cu de vaso, aparello dental e vestiario dos tempos da avoa. Metida en fariña –neste caso no desapiadado mercado laboral- a moza se ve na obriga de demostrar unha e outra volta a súa valía profesional nun entorno hostil e competitivo, superando o seu pretendido handicap inicial cun tesón e unha perseveranza digna de todo encomio. Ata certo punto, non deixa de estrañar a aceptación entre a audiencia da susodita serie, unha aceptación baseada sen dúbida na empatía que suscita a protagonista entre un público igual de asoballado polos clixés da moda, da beleza e da tiranía dos departamentos de recursos humanos. Con todo –así conclúe a telenovela orixinal, polo que non é arriscado supor un final semellante na adaptación- o parruliño feo remata por levar o gato á auga e consegue o soñado amor do xefe. Ora que virando guapa, iso si. A trama ten trampa: a amiga Bety non só é traballadora e intelixente, senón que é quen de experimentar unha espectacular metamorfose que a leva a aparecer un bo día na oficina convertida nunha auténtica beleza. En realidade, a serie remata por avalar o que presuntamente condena nun inicio. O triunfo vital –a realización do afamado “plan de vida” dos filósofos neoliberais anglosaxóns- non ten outra triste meta que o triunfo laboral e sentimental, en certa maneira a vella “salud, dinero y amor” dos nosos pais. A mensaxe, no fondo, está bastante arredada do que nun primeiro momento puidera parecer e inclúe –perdoade a palabra- un acusado pouso “reaccionario”: “se non es quen de vencer ao sistema, únete a el, amiguiño, xoguemos coas mesmas regras”. E todo isto –escusade estes fatigosos introitos- vén a conto do seguinte. Inmersos como estamos nunha fase da Democracia que o clarividente McPherson chamou un día “Democracia coma Mercado”, as tensións entre sistema e antisistema veñen resolvéndose na práctica coas regras das Economías de Mercado, nun proceso no que as forzas políticas transformadoras tenden a ceibar lastre ideolóxico co degoro de participar no xogo electoral e xa que logo na toma de decisións –aspiración lóxica, por outra banda, se o apetecido é incidir na sociedade- nos máis diversos ámbitos.
A espada de Damocles da exclusión motiva na práctica unha sorte de proceso de homologación, un paulatino “lavado de cara” que entre outras moitas renuncias –e non paro en siglas- incluíu poño por caso a do marxismo, a do republicanismo e mesmo a reivindicación netamente soberanista dalgúns partidos nacionalistas. O medo a molestar, o medo a ser “feo” neste “politicamente correcto” mundo feliz, determinou que moitas das mensaxes que deron pe á formación de múltiples partidos políticos estean a día de hoxe practicamente esquecidas, ou, no mellor dos casos, vixentes coma unha triste referencia nostálxica e nominal.
Cómpre non esquecelo nunca: unha cousa é entrar no sistema co propósito de mudalo e outra ben distinta diluírse nel co único pretexto do pragmatismo. Direino sen dicilo abertamente. Direino. No momento en que deixemos de ser feos e molestos, estaremos irremediablemente perdidos. Aínda que casemos co xefe.

Xabier López (03-01-2007)

en www.gznacion.com


 
adopt your own virtual pet!