Pasaban os anos devagar, fuxían as ilusións e a morte romántica non chegaba, perdéndose na vista a miríada de grans do reloxo de area. Na memoria, as lembranzas difuminábanse catro décadas atrás. O seu corpo permanecía intacto, dentro dunha burbulla onde o descorrer era máis lento. A súa única solución sería marchar para unha estrela esvaecida. De cando en vez bota un ollo á terra, por iso dos indicios nocturnos (a partires das 4.40) dunha migalla de morriña inconexa.

12/26/2006




LÉMBRATE
EE logo da súa enfermidade do desdobramento cuasiintencionado, só puido artellar este monólogo cargado de sentimento..
-O frío cristaliza os meus beizos e seca a miña lingua. Máis non me dou quitado, para ben, ese analxésico da gorxa. Sabe como as larpeiradas que tomaba cando era neno. O sabor que marchaba, devagar, devagariño. Ata parecía dulcificar a luminaria do nadal coa súa alta concentración de azucre. Prolongábase ate o infinito. Mesmo na cama parecía un rumiante mastigándome a min mesmo. E agora, nas papilas cor sangue, parece redundar o sabor daquel tempo. Lonxe quedou por fin o sucio e ríspeto medo. Lonxe ficou o inimigo intrínseco. Lémbrate: dille que na miña boca só hai sinceridade. Lémbrate de dicirlle que alguén está agardando que a sensación das larpeiradas de cando era neno volvan burbullar cunha intensidade frenética. Lémbrate de dicirlle que non teño presa.

Non existe no mundo algo tan sinxelo. Pídoche só iso: lémbrate.

 
adopt your own virtual pet!