A desagradecida tarefa do socialdemócrata
Por Lluis Pérez
Preguntáronse algunha vez vostedes sobre por que os mozos levan camisolas do Che Guevara e non de Olof Palme? En fin, mais alá da visión romántica das esquerdas e da satanización das dereitas, o certo é que o Che Guevara non foi unha personaxe histórica que axudase particularmente a mellorar o mundo onde vivimos. Isto soará a sacrilexio para moitos, pero se falamos de feitos concretos o caso é que o Che foi un dos principais responsábeis da viraxe da Revolución Cubana cara ao totalitarismo e as súas ideas a propósito de estender tal Revolución por todo o continente americano mediante a loita guerrilleira foron un completo fracaso. Tampouco en política económica pareceu colleitar grandes trunfos. En fin, alguén dirá que era un "idealista", mais as ideas ás cales consagrou a súa vida parécenme desas que, cheas de moi boas intencións, conducen de cabeza cara ao inferno. Mais, o marketing castrista e capitalista mediante, as mocidades esquerdistas de hoxe en día venérano como a un mito, incluídas aquelas que en principio non comulgan co totalitarismo que rexe en Cuba.
Olof Palme, primeiro ministro socialdemócrata sueco, non lle foi á zaga ao Che en canto a idealismo. Loitou toda a súa vida por dar aos suecos un nivel de benestar e liberdade como non se coñeceu en practicamente ningún lugar da Terra en practicamente ningún momento da Historia. Mais non só mellorou notábel e exitosamente a vida dos seus compatriotas: tamén foi un duro adversario de todos os imperialismos, soviético e norteamericano incluídos, opúxose con vehemencia ao bloqueo de Cuba pese a ser socialdemócrata, foi un dos líderes da comunidade internacional que mais esforzos dedicou á loita contra o apartheid e destacouse como pacifista durante toda a súa vida. Tamén el, como o Che, foi asasinado, só que aínda a día de hoxe non sabemos quen matou a Olof Palme, índa que se rumorea que foi asasinado polos servizos secretos do apartheid surafricano.
O agravio comparativo entre Palme e Guevara dános a medida do agravio comparativo existente entre reformistas e revolucionarios. Uns e outros farían cousas mellores e peores, pero parece ser que o espírito profundo da esquerda, en especial da mais nova, tende a menosprezar a actividade reformista e a idealizar a dos revolucionarios, independentemente de cal das dúas contribúa obxectivamente mais, en cada momento histórico concreto, a mellorar a situación dos parias da terra, dos que piden (pedimos) permiso diariamente a terceiras persoas para sobrevivir. Na Europa Occidental, por exemplo, paréceme indiscutíbel que a práctica totalidade daquelas cousas que fan mais prósperas e libres as vidas dos plebeos como un servidor conseguíronas os reformistas socialdemócratas: dende o sufraxio universal ate o subsidio de paro ou a Seguranza Social, todo foi froito dun ou doutro modo de loitas reformistas. E, con todo, lonxe de valorar a capacidade transformadora destas medidas, o novo esquerdista europeo estándar tende a rexeitalas con desdén a base de consignas de catecismo, ate o punto de que para certa esquerda o apelativo "reformista" pasou a ser un insulto recorrente como o foi no seu día "revisionista". Téndese, erradamente, a considerar que o reformismo carece de capacidade para mellorar e/ou superar a orde social e económico do capitalismo. En fin, xulguen vostedes mesmos se Suecia é igual que o Reino de España.
Por suposto, aprobar unha Renda Básica (por poñer un exemplo de reforma desdeñada por "reformista" desde certa esquerda oligofrénica) non servirá para rematar con todos e cada un dos problemas da Humanidade. Mais, desde logo, contribuirá a solucionar moitos e a mitigar moitos outros. E o que é mais importante: contribuirá a configurar escenarios futuros onde as poboacións traballadoras de todo o mundo terán máis capacidade de resistencia á hora de enfrontarse ás ondas de privatizacións e desregulacións que ameazan con por a poxa a súa liberdade. Pois ben: isto é o que moitas veces certa esquerda, particularmente xuvenil, non sabe ou quere ver. Un tipo de esquerda que, cegada polo que fica pendente por conseguir, non é capaz de valorar o que se consegue efectivamente e comparalo co que custou conseguilo para así facer un balance racional sobre se tal ou cal reforma foi boa ou mala de cara a acadar unha sociedade mais libre e igualitaria.
Ser reformista, e en particular ser socialdemócrata, é pois unha tarefa nese sentido moi desagradecida. O socialdemócrata poderá contribuír a mellorar a vida dos demais, mais de cando en cando verá que os seus esforzos reciben eloxios mais alá da mera felicitación polo traballo ben feito. E iso cando hai sorte. O socialdemócrata adoita ir con traxe e pelo curto, fai unha política aburrida que consiste en falar de orzamentos, garderías, impostos e subsidios. Non ten a melena ao vento, nin vai uniformado, nin a súa vida adoita ser particularmente aventureira. Quizais ten que ver con iso, con que o socialdemócrata non é un tipo de aspecto heroico. Un problema máis de imaxe, pois, que de realidades tanxíbel. Por iso os mozos levan camisolas do Che Guevara e non de Olof Palme: porque por moi "revolucionarios" que pretendan ser non deixan de ser membros dunha sociedade onde a imaxe conta máis que o que hai detrás dela. O triste cuasi-esquecemento de Olof Palme e o culto á personalidade do Che: un tremendo sarcasmo que certa esquerda profire contra si mesma sen nin sequera decatarse.