Pasaban os anos devagar, fuxían as ilusións e a morte romántica non chegaba, perdéndose na vista a miríada de grans do reloxo de area. Na memoria, as lembranzas difuminábanse catro décadas atrás. O seu corpo permanecía intacto, dentro dunha burbulla onde o descorrer era máis lento. A súa única solución sería marchar para unha estrela esvaecida. De cando en vez bota un ollo á terra, por iso dos indicios nocturnos (a partires das 4.40) dunha migalla de morriña inconexa.

4/30/2007



Nación, benestar individual e colectivo. Outro mundo posible, outro mundo probable!!

Certamente hoxe podería ter falado de moitas cousas: a razón da existencia en pleno século XXI dunha institución tan sumamente antidemocrática e noxenta como é a realeza; certos inquéritos de intención de voto que pronostican a caída en picado do neoconservadurismo medieval opusiano nas grandes cidades galegas; ou calquera paranoia xornalística que se me ocurrira no momento.


Pero permitídeme facer un exercicio de autoxusticiación baseado no egocentrismo-narcisismo-ególatra ao máis puro estilo do político mediático que quere converter (e non reparo en siglas, porque por desgraza acontece en moitas casas) as ilusións dun pobo militante en consignas demasiado parecidas entre sí como para pensar que “isto non foi produto da casualidade”.

Entendo que para conseguir o benestar colectivo é preciso o benestar individual das sumas. Pero temos que lembrar que é perigoso xogar co principio liberal por excelencia. Creo na nación dos cidadáns e no mundo das persoas, pero tamén creo na colectividade e no beneficio da mesma por riba de calquera outra consideración. Conxugo en min mesmo o liberalismo revolucionario do SXVIII no sentido ideolóxico e o socialismo democrático no sentido político adaptado ao século XXI, lembrando que para min existen varias premisas irrenunciables, en forma de decálogo esvaradizo (e engarzado).

1- Nunca primará o interese particular sobre o xeral, como decote acontece no sistema capitalista.

2- O sistema capitalista é manifestamente inxusto como para xustificalo. Ante isto ten que xudir unha concepción aberta e non dogmática do socialismo.

3- As medidas socialistas son perfectamente compatibles coa democracia.

4- A democracia participativa é a mellor medida para activar a sociedade civil.

5- A activación da sociedade civil constitúe un elemento indispensable para a fiscalización dos poderes públicos.

6- Os poderes públicos deben implementar medidas que garantan a transparencia administrativa e a participación dos cidadáns na vida pública (ver 4) e así producir conciencia participativa.

7- A conciencia participativa irremediablemente provocará un efecto dominó na sociedade occidental para tratar de forma non paternalista os problemas de crónico sub-desenvolvemento do SUR.

8- O SUR deberá tomar conciencia do seu problema para procurar a emancipación das megacorporacións transnacionais.

9- As megacorporacións transnacionais sucumbirán ante a coloboración NORTE-SUR para erredicar a cultura individualista do sistema.

10- Este cultura individualista morrerá en mans da cultura mundial da cooperación entre seres humanos e pobos. E o mundo será, por fin, máis xusto.

E non fai falla destruír nin desestabilizar para cambiar todo isto. A Historia demostrounos que, ás veces, as revolucións democráticas e pacíficas teñen o efecto desexado. Será cuestión de tempo. E de moita, moita paciencia.


4/23/2007



FUXIR


Fuxir. Ese esquizofrenicamente inconsciente desexo de marchar de todas partes.

Fuxir. Esa terrorífica sensación de que todo se vai diluíndo.

Fuxir. Esa abrumadora hipocondría que latexa en casa esquina do edificio.

Fuxir. Ese desacougo que me entra por dentro cada vez te vexo.


Fuxir é ás veces o máis cobarde. Pero logo de tanto cavilar, de darlle voltas e voltas ao mesmo de sempre, chego á conclusión que o meu destino é fuxir. Cando fique parado preocupareime.
Porque cando non pense en fuxir estarei irremediablemente perdido.


E aquí está o fragmento que saquei do baúl das lembranzas para non deixar de avanzar...

A utopía está no horizonte e, cando nos aproximamos dous pasos, ela afástase na mesma medida. Se camiñamos dez máis, móvese en dirección contraria en novos dez pasos.
Por máis que eu camiñe, xamais a alcanzarei.
¿Para que serve a utopía?
Serve para iso: para que eu non deixe de camiñar.

4/13/2007




Moraima


Cando quero vivir
digo Moraima.
Digo Moraima
cando semento a espranza.
Digo Moraima
e ponse azul a alba.

Cando quero soñar
digo Moraima.
Digo Moraima
cando a noite é pechada.
Digo Moraima
e ponse a luz en marcha.

Cando quero chorar
digo Moraima.
Digo Moraima
cando a anguria me abala.
Digo Moraima
e ponse a mar en calma.

Cando quero surrir
digo Moraima.
Digo Moraima
cando a mañá é crara.
Digo Moraima
e ponse a tarde mansa.

Cando quero morrer
non digo nada.
E mátame o silencio
de non decir Moraima.

(Celso Emilio Ferreiro)


Ás veces un sinxelo poema ven a resumir un estado de ánimo. Coido que Celso Emilio Ferreiro soubo facelo á perfección.

PD: Escoitalo na voz de Suso Vaamonde, fai tremer a un.

4/06/2007


FILE TAPE

"Escribira na caixa da cinta File Tape con rotulador vermello. File Tape, cinta de arquivo. Algo que pasará a un anaquel, entre moitas cousas, que non se vai volver mirar nunca, mentres o sinal eléctrico se irá esvaendo, pouco a pouco, inexorablemente, na banda magnética, ata borrarse de todo. Como os recordos. Chegará o día en que nada se recordará. Pasarán anos, centos de anos, e nada disto terá importancia. File Tape."

"Ruído". M.Anxo Murado.

A literatura é a medicina contra eses momentos de desacougo.

4/02/2007



Galiza Nova

Poucas veces falei en primeira persoa de forma directa. Hoxe fareino. Perdimos a Asemblea Nacional de Galiza Nova, a pesar de ser os únicos que propoñíamos un proxecto político novo para sacar á organización da crise que estaba a sufrir. Non caerei na demagoxia de dicir esas consignas tan repetidas na noite de onte como "20 cabezas, 1 cerebro", "Independencia si, se Paco di que si" ou mesmo facer algúns comentarios sobre os buses de última hora e poñelos de escusa. Non o farei.

A Asemblea decidiu unha nova Dirección Nacional da que son membro. Parabéns a todos e cada unha das persoas que forma esta nova Dirección Nacional. Eu traballarei dando todo o que teño por Galiza Nova sempre e cando non me poñan pedras no camiño e sempre e cando non se faga dirixismo dende aqueles sectores dogmáticos e medievales que consideran á xente simples compañeiros de viaxe utilizándoos en beneficio propio. Como comentei na AN, o BNG e Galiza Nova son un medio, non un fin. Non debemos converter isto nunha oficina de colocación.

Teño que dar as grazas a certa xente que, tendo que levartarse todos os días ás 8.30 da mañá, quedaba ate horas intempestivas negociando proxectos comúns certamente proveitosos.


Viva Galiza Nova!

Viva a República galega socialista!

 
adopt your own virtual pet!