Pasaban os anos devagar, fuxían as ilusións e a morte romántica non chegaba, perdéndose na vista a miríada de grans do reloxo de area. Na memoria, as lembranzas difuminábanse catro décadas atrás. O seu corpo permanecía intacto, dentro dunha burbulla onde o descorrer era máis lento. A súa única solución sería marchar para unha estrela esvaecida. De cando en vez bota un ollo á terra, por iso dos indicios nocturnos (a partires das 4.40) dunha migalla de morriña inconexa.

5/25/2006



Vaia, vaia. A “ialba” do amencer aínda non chegou (e menos aínda a “ialba de gloria” de Castelao, iso levará moito máis tempo).

Pero o que está dando de sí esta noite de traballo descomunal é para a reflexión. O filósofo, a muller, Moncho e máis EE están certamente sorprendidos que fora tan sensible. E que, como dicia EE, eu máis ben parecía unha pedra, que nada do que acontecía me facía ter un mínimo resquicio de dose, cando menos, pseudo-sentimental. E que falar de certos temas con certa xente sempre nos pon a pel de galiña cun calafrío simétrico que comeza nos dedos de ambas mans e remata simbioticamente no nariz e nos pés, bicurcándose de forma excelente no peito. Un calafrío do cabo á cima, vaia.

E é que pensar que este idilio con un mesmo, co tempo e con Compostela pode rematar fai que me sinta certamente triste. Mesmo con ganas de chorar cada segundo que pasa e creo desperdiciado.

Sen dúbida, madurei bastante. Moitos din que son máis frío, e que realmente iso non está implícito na evolución da persoa, senón que é un engadido negativo. Eu sigo sendo ou mesmo. E así o manteño, sigo sendo o mesmo. E crendo no mesmo.

-Creo na amizade como modo de complemento e de crecemento persoal.

-Creo no amor como concepto idílico-utópico-irracional e creo no alter ego. A cuestión é atopalo.

- Creo que o estudo é o mellor método para evolución dunha sociedade.

- Creo que as mellores políticas posibles neste momento son aquelas que intentan afondar nos valores do republicanismo-democracia participativa, por exemplo- e socialismo. E creo, loxicamente, que a política- entendida en termos amplios- é o mellor arma para o cambio.Ao igual que a comunicación.

- Creo no nacionalismo cívico e non non orgánico-historicista.

- Creo que a literatura é moi importante.

- Creo que o conformismo é o peor cancro do home.

E creo que chorar está ben. Sobre todo para canalizar a anguria que me está a consumir por dentro cando penso que o soño vai rematar. E temo a chegada dese auditorio ateigado. E temo que digan o meu nome. “Parabéns, xa estás licenciado”. E temo non saber parar o tempo. E temo perdervos…

5/21/2006




¿ A ialba nunca virá?
Meu Federico García
capitán de poesía
morto de noite en Viznar.

O dazanove de agosto
chegóu a morte a Viznar.
Entróu vestida de ialba,
pro a ialba nunca virá.

A noite envolta en farrapos
comezóu a disparar
relampos diante da ialba
pro a ialba nunca virá.

Levaron a Federico
camiño do máis alá.
Os galos ventan a ialba,
pro a ialba nunca virá.

Cerrollos de aceiro frío
brilaron na escuridá.
Mentiron luces de ialba,
pro a ialba nunca virá.

Longo túnel de silencio
atravesóu a cidá.
Granada pedíu a ialba,
pro a ialba nunca virá.

Murallas de pedra e sombra
coutaron a libertá.
O pobo recrama a ialba,
pro a ialba nunca virá.

Sangue de estrada e cuneta,
pro a ialba nunca virá.
Berros de anguria e carraxe,
pro a ialba nunca virá.

¿A ialba nunca virá?
Meu Federico García
capitán de poesía
morto de noite en Viznar,
dime que ialba virá,
dime que virá.

E por fin, logo dunha longa conversa, amenceu gris.

5/11/2006



Felicidade, concepto difuso. Ao igual que a foto ( desenfocada de forma involuntaria por parte da fotógrafa, que me aforrou a manipulación electrónica para preservar a miña identidade). E ese felicidade constrúese con momentos cativos, con pequenas cousas.

Foi unha verdadeira honra estar ao lado do mestre, do mestre Xosé Manuel Beiras, presentando o acto. Non me gusta iso do concepto "heroe", vocablo das clases de pre-escolar para definir a unha persoa que tes idealizada. Pero vaia, igual temos que retomar a terminoloxía infante para achegarnos a ese sentimento de admiración. Foi esa dose exacta de benestar que me fixo, por fin, esbozar un sorriso completo.

Un milleiro de persoas puideron contemplalo. Foron testemuña dun dos soños da miña vida.

5/05/2006


E sen razón, a estrela vese lonxana. ¿Por que somos cómplices do roubo desa milimétrica masa gris? Amiguiño filósofo, ningunha das túas reflexións trascendentais, subordinadas e adxectivadas poderán achegarse minimamente á tinta manchada de sangue da aurícula esquerda da miña cabeza. En efecto, da miña cabeza e nunca do meu corazón. Porque quero crer que a aurícula esquerda está na miña cabeza.

E quere de novo autoconvencerme de que a miña vida non se está a convertir en literatura de ficción.

Dareime de cabezazos contra a parede ata perder a consciencia. E coa sangue escribirei o mellor libro que xamais se escribira. Prométocho a ti, que me les. Que me escoitas.

PD: Asamblea popular dous días. Baixamos de novo!

5/02/2006



Voltei ao país imperfecto, despois do roteiro pola nación irmán. Non falarei nada da CRM (Confederación de Rexións Mediocres) nin de nada polo estilo. Moncho viu as fotos e seica lle gustou moito unha que estaba diante dun mural vermello.
Estos días terei descoidada a estrela. O traballo vense enriba dunha forma moi, moi, moi, moi, moi, moi, moi, moi, moi, moi estresante.

 
adopt your own virtual pet!