ISAAC
Isaac Díaz Pardo foi, nos seus anos mozos, un revolucionario convencido. Militou nas Xuventudes Socialistas Unificadas e diso quedoulle, a pesar do irremediable paso do tempo, un profundo pouso de loita. É unha das bisagras que conectou en perfecta harmonía o sentimento galeguista cultural co republicanismo político daquel tempo. Constitúe unha desas personaxes que non deixa indiferente a ninguén, ben sexa pola seu afable e entenrecedor rostro, polos seus descursos enchoupados da lucidez mental dun xenio, ou polos esforzos de denuncia a aqueles sectores cómplices da barbarie que non queren recuperar a memoria e que están moi preocupados en poñer nun mesmo saco a vítimas e verdugos. Díaz Pardo é un deses tolos aos que a intransixencia fascista matou ao seu pai e que agora só pide recoñecemento e xustiza. E non esquecer. Por iso de que a amnesia pode levar a repetir os tristes erros do pasado.
Deu toda a súa vida pola cultura e lingua galega, que é o mesmo que dar a vida pola construción nacional e polo reforzamento dunha identidade sempre tan feble polos ataques sistemáticos dos axentes externos e por iso tan galego como é a autonegación.
As crónicas incorformistas, merecedoras do VII Premio de Xornalismo Literario e de Opinión Roberto Blanco Torres, entroncan á perfección coa personalidade de Díaz Pardo: un xornalismo e unha vida con clara vocación intencional, con certero ímpetu de avance. As súas empresas non responden á máxima da plusvalía: foron un exemplo de traballo en prol do país, estudando, producindo e divulgando a cultura do noso pobo.
Mais, como decote acontece, xorde ese capitalismo feroz que só entende o idioma do beneficio. O que lle están a facer, e perdónenme a expresión, é unha auténtica cabronada. Pero teño a completa certeza de que a Historia colocará a cada quen no seu sitio. No que respecta a Isaac, vaino facer nun deses lugares aos que só teñen acceso os privilexiados. Ao resto aínda non o teño tan claro.