Pasaban os anos devagar, fuxían as ilusións e a morte romántica non chegaba, perdéndose na vista a miríada de grans do reloxo de area. Na memoria, as lembranzas difuminábanse catro décadas atrás. O seu corpo permanecía intacto, dentro dunha burbulla onde o descorrer era máis lento. A súa única solución sería marchar para unha estrela esvaecida. De cando en vez bota un ollo á terra, por iso dos indicios nocturnos (a partires das 4.40) dunha migalla de morriña inconexa.

11/04/2007


Coa república no horizonte


Compañeiros e compañeiras de Esquerda Nacionalista-Mocidade, compañeiros e compañeiras de Galiza Nova, compañeiros e compañeiras do Partido e do BNG, amigos e amigas:

Estamos xa na bocanoite da X Asemblea Nacional de Esquerda Nacionalista-Mocidade, onde todas e todas gozamos dunha intensa xornada de traballos, debate e renovación polas inexcusables causas da idade. Renovación de toda esa xente que cedeu parte do seu tempo para que as Mocidades avanzaran con paso firme no afianzamento dunha alternativa nidiamente socialista e soberanista no seo do proxecto común chamado Galiza Nova. Aí están Saúl, Alberte, Pampi, e un longo etcétera. Eu como novo Portavoz e a Mesa Nacional parabeniza e recoñece o intenso traballo desenvolvido nos últimos anos sendo conscientes de que o listón fica moi alto. A todos e todas vós, moitas grazas por deixarnos unha organización tan chea de vida e en plena expansión.

É hora, pois, de mirar para diante, de tomar o relevo e afrontar os retos que o calendario político nos marca con intelixencia e ilusión. Hai que ter en conta que Esquerda Nacionalista-Mocidade é un proxecto de mozas e mozos por e para mozos e mozas, e debemos comprender as dificuldades que iso conleva. Polas nosas cabezas planearán dúbidas de toda índole, xurdirán problemas, desacougos, contratempos. Sabemos que ser mozo ou moza nacionalista e socialista neste mundo do pensamento uniforme, liñal, do pensamento único e do politicamente correcto non é fácil. Somos criminalizados ou demonizados. Por momentos teremos ganas de abandonar, mais o noso firme compromiso con Galiza, coa esquerda e a nosa concepción de política como servizo aos cidadáns e ás cidadás axudaranos a disipar esas dúbidas e a seguir para adiante. Non nos resignaremos. Como dicía Willy Brandt e como xa se comentou no Informe de Xestión “Non nos vencerán as dificuldades, senon a resignación e como non estamos dispostos a resignarnos venceremos por riba das dificultades”.

EN-Mocidade seguirá a ser axente inserido na sociedade galega tendo en conta cales son as súas preocupacións reais e que a tocan máis directamente, como emprego, vivenda ou transporte. Debemos non deixarnos levar por comportamentos verticais propios de outros e avogar claramente pola autoorganización da mocidade, pola partipación real e con discurso fundamentado en Galiza Nova. Debemos colaborar en tarefas de construción nacional con todos e todas, sexan plataformas culturais, centros sociais ou asociacións deportivas.

EN-Mocidade proseguirá o seu afortalamento interno para ser unha ferramenta útil para transformar Galiza Nova para que Galiza Nova sexa, a súa vez, unha ferramenta útil para transformar a sociedade. É obvio e incontestable que a situación organizativa das Xuventudes do BNG é de creba parcial, xa que non houbo un esforzo de integración dunha candidatura que logrou o 40% dos apoios na última Asemblea Nacional, ficando unha Permanete monolítica que cremos non respecta a pluralidade ideolóxica interna. A candidatura da que formamos parte pretendeu ser construtiva e non buscaba o enfrontamento gratuíto, senón o reforzamento de posturas claramente soberanistas e de esquerdas cunha práctica política que pretendía renovar ideas e darlle un xiro imaxinativo á organización, sempre no marco de lealdade ao proxecto común. Seguimos a crer que para que Galiza Nova sexa referente e chamativa na mocidade, debe abrirse a nova dinámicas de traballo, adaptádonse ás mudanzas que se dan na sociedade, e atendendo ás súas demandas.

A pesar de todo, non temos ningún medo a afirmar que nos sentimos orgullosos e orgullosas de formar parte de Galiza Nova e que sempre, sempre, sempre traballaremos no seu seo, discrepando alí onde haxa que facelo, fiscalizando o traballo alí onde non se cumpla correctamente e participando dos órganos de dirección con esforzo e profundo respecto a todos e todas. A militancia de EN-Mocidade actuará de forma coherente, enriquecendo os debates e facendo propostas de campañas e actividades.

Noutra ordes de cousas, neste tempo político estamos a vivir un periodo de reforzamento de posturas claramente soberanistas, como o caso vasco coa proposta de referendo de Ibarretxe ou mesmo a creacion de plataformas suprapartitas pola autoderteminación en Catalunya. EN-Mocidade é consciente diso, polo que non terá medo a afrontar con claridade meriadiana a cuestión territorial e debatir certos principios ideolóxicos e de praxe política.

Independencia sen tapuxos, sen medo. Debemos dar argumentos claros para dar a entender de que a mellor forma de aumentar o grao de benestar dos galegos e das galegas e coa constitución dunha República galega. Acreditamos, claro está, na proposta estratétixa do BNG para un Estado español plurinacional, pluricultural e plurilingüístico. Pera a Historia Política Universal demostrounos que para que os nosos dereitos nacionais sexan respectados, a opción máis nidia é rachar todos e cada un dos fíos de subordinación e dependencia do Estado que sistematicamente nos nega. A solución e que os cidadáns galegos exerzamos o noso dereito a decidir libre e democraticamente a constitución dunha República galega social dentro dunha Europa dos pobos asentada nos valores superiores da dignidade humana, a liberdade, a xustiza, a igualdade, o benestar e o pluralismo no marco dunha orde social e económica, xusta e sustentábel. Unha vez constituídos en Estado propio, escolleremos como integrarnos noutras estruturas supranacionais e como colaborar para o desenvolvemento dos homes e mulleres e dos pobos do mundo.

Esquerda Nacionalista sempre avogou pola unificación do socialismo democrático e o independentismo dentro do BNG. Pois ben, as portas están abertas. A vertebración debera recollerer as aportacións da esquerda socialista cunha análise actualizada da sociedade galega; participará activamente dos movementos altermundistas por un orde planterio onde prime a xustiza social e terá unha visión positiva da U.E como ente cívico e como contrapeso ao neoliberalismo estadounidense. Lembremos a vocación europeísta da Xeración Nós e cando Europa nos recoñeceu como nación no 33, ben recollido nunhas crónicas meridianas polo xornalista Plácido Castro. E non haberá, como dixen anteriormente, ningunha dúbida na cuestión territorial, facendo pedagoxía política no propio nacionalismo galego e na sociedade en prol do independentismo. Como ben apuntou Xosé Manuel Beiras na Declaración de Láncara “só o combate pola nosa autodeterminación como povo, orientada cara a independencia, só ese camiño poderá chegar a algures, só esa actitude suscitará respeito cara nós e os nosos dereitos cívico-políticos, pois que a caverna española só respeita a quen teme. É mágoa, mais é asi. Porque o problema non o somos nós, os galegos nacionalistas: sóno iles, os chovinistas de diversas córes e adubíos”

E obviamente non habería liberación nacional senón hai xustiza social. Dende Esquerda Nacionalista-Mocidade seremos fieis a ese principio, en tanto que non teremos medo a adxectivar o noso nacionalismo, que é de esquerdas. Un nacionalismo de esquerdas aberto ás aspiración solidarias universais. Desde esta realidade, seguiremos a crer nunha serie de principios transversais tales como cooperación entendida como concepto antitético a competición; democracia participativa que debe dar voz e voto a individuos e comunidades e debe ser entendida como o conxunto de mecanismo prácticos que permite a esa sociedade civil participar, de forma transparente e clara, fiscalizando a toma de decisións. Este tipo de democracia lexitima aos poderes públicos na súa decisión, aproveita a experiencia e a capacidade dos individuos e mellora a calidade de vida de todos e todas.; e tamén outros principios como benestar, creatividade, innovación, altermundismo etc.etc,

É importante tamén analizar a realidade con perspectiva e sobre todo con pragmatismo. A privatización, a precariedade ou a desregulación son algunhas consecuencias da imparable globalización neoliberal, no que os Estados- noutro tempo de Benestar, agora de Mercado- son incapaces de aplicar estratexias transversais dirixidas a conter ás grandes asimetrías existentes. O noso deber, pois, debe ser aplicar políticas públicas claramente socialistas. Sen ter unha excesiva visión eurocentrista da humanidade e cooperar cos movementos da esquerda democrática Sudamericana ou as correntes de liberación africana para axudar dende unha perspectiva non paternalista a buscar solucións ao crónico sub-desenvolvemento que sofre o mundo, tendo como eixos principias a paz, a xustiza, a econonomía sustentable, o acceso universal á sanidade e un traballo e unha vivenda digna. Tamén cómpre renovar o concepto do socialismo e da socialdemocracia clásica neste novo contexto da globalización e concibir esta ideoloxía como aquela que se integra simbioticamente na democracia pluripartidista e como garante dunha sociedade máis xusta. A súa vocación ten que ser claramente transformadora.

Somos futuro, mais tamén presente. Un grupo de mozas e mozos enchoupados dunha dose de rebeldía e incoformismo propios da nosa idade, que aínda acreditamos nas utopías. Como dicía Eduardo Galeano, grande referente da esquerda a nivel mundial. E como moitos de vos xa saberedes.

“A utopía está no horizonte e, cando nos aproximamos dous pasos, ela afástase na mesma medida. Se camiñamos dez máis, móvese en dirección contraria en novos dez pasos. Por máis que eu camiñe, xamais a alcanzarei.
¿Para que serve a utopía?
Serve para iso: para non deixar de camiñar. “

Compañeiros, compañeiras, todos e todas os membros da nova Mesa e eu como novo Portavoz Nacional adquirimos o compromiso aquí e agora de afortalar e traballar por Esquerda Nacionalista-Mocidade, que é tamén afortalar e traballar o proxecto común do que, repito, nos sentimos profundamente orgullosos e orgullosas. Non debemos esquecernos de que á volta da esquina temos unhas elección Xerais nas que faremos unha intensa campaña para o BNG sexa forza determinante na política do Estado e tamén unas Asemblea Nacional do Partido en maio na que participaremos activamente e de forma intelixente.

Todo isto que acabo de enumerar será pouco para acadar o que anceimos: unha Galiza ceibe para aportar como galegos e galegas, o noso grao á cultura universal.

Compañeiros, compañeiras, todos e todas nós teremos a utopía no horizonte, porque como ben dixo Eduardo Galeano, só coa utopía subxacendo de todos os poros da nosa pel teremos a completa certeza sempre, sempre, sempre de non deixar de camiñar.

Viva Esquerda Nacionalista-Mocidade!

Viva a República galega con Xustiza Social!



6 Comments:

Anonymous Anónimo said...

Incrible discurso!!!

8:16 da tarde

 
Anonymous Anónimo said...

moito que comentar, xa cho direi en persoa

1:15 da tarde

 
Anonymous Anónimo said...

¿Quen che fixo o discurso?¿Teu irman?
che queda grande, pero eso si, soa ben. jajajja
bla, bla, bla

8:22 da tarde

 
Blogger amarante said...

Pois non, fíxeno eu. Meu irmán ten mais cousas que facer.

9:33 da tarde

 
Blogger Veraeikon said...

Bravo!!! Eu estiven presente nese discurso!!!! E non só é o ben escrito q está, senón q tamén conta a forma como o expresaches! Eu sei q o fixeches ti! E por suposto q non che queda jrande; vindo de ti non esperaba menos!
Bicos enxebres ;)

12:55 da tarde

 
Blogger blancolexitimo said...

Amarante, o discurdo esta ben artellado, mira cara o futuro, invita a compartir o proiecto e delimita un terreo propio.
¡Enhoraboa!

Duas criticas:

Unha formal: Cando vexo tanta correcion co xenero (compañeiros/compañeiras, mozas e mozos, ...) sempre me acaba bailando na cabeza a palabra autosuicidio.

Outra ideoloxica: Considero que no momento presente o socialismo galego deberia moverse no ambito do galeguismo de esquerdas e non no do soberanismo conservador.

Xa sei que tanto unha como a aoutra son batallas perdidas no corto plazo. Veremos no futuro de que lado xoga o tempo.

Saudos.

1:29 da manhã

 

Enviar um comentário

<< Home

 
adopt your own virtual pet!